Arranca o Plan Composta que esta noite recollerá os primeiros biorresiduos da cidade

75
  • No centro histórico os colectores marróns colocaranse pola noite, para non danar a imaxe turística da cidade.
  • Hoxe comezan as visitas aos domicilios incluídos na ruta de recollida. Se algún veciño non se atopa no domicilio pode volver a poñerse en contacto a través da web compostaxe.pontevedra.gal

O Concello de Pontevedra comezou esta mañá o operativo para poñer en marcha o Plan Composta que esta noite recollerá os primeiros biorresiduos na ruta establecida no centro histórico e no ensanche da cidade. O primeiro lixo orgánico será o dos produtores singulares (establecementos comerciais), e nos vindeiros días empezaran a sumarse os domicilios particulares que queiran participar deste plan experimental  voluntario e de balde.

O concelleiro responsable de Residuos, Raimundo González, estivo supervisando durante a fin de semana o operativo de despregue dos cubos e pequenos colectores aos produtores singulares (Mercado de Abastos, restaurantes, froiterías, supermercados…), e na xornada o remate da colocación de todos os colectores marróns de rúa que se abrirán cunha tarxeta-chave.

Como singularidade no centro histórico, estes colectores colocaranse todos os días ás 20.00 horas (aproximadamente) e recolleranse ao día seguinte sobre as sete da mañá para non danar a imaxe do principal centro de interese turístico da cidade. Esta mañá colocáronse en distintos puntos do centro histórico para determinar a localización exacta. Despois foron retirados e non se volverán a colocar até esta noite.

No resto da ruta (no ensanche e no resto da cidade) os colectores marróns estarán fixos completando as illas de reciclaxe habilitadas.

O Plan Composta levantou moitas expectativas nestas primeiras horas de andaina, de feito o Concello ten moitas peticións de particulares que solicitan a súa participación no programa. Todas elas serán atendidas seguindo a campaña de concienciación cidadá porta a porta que comeza hoxe e rematará, segundo as primeiras previsións, arredor do 30 de setembro.

Dúas persoas comezan hoxe mesmo as súas visitas aos domicilios tendo como punto de arranque a praza da Peregrina.

Todas aquelas persoas que non estean nos seus domicilios cando pasen os informadores e queiran participar, poden volver a poñerse en contacto co Concello a través da páxina web de compostaxe, no apartado do Plan Composta. 

A web é compostaxe.pontevedra.gal, no teléfono 680 595 456 ou no correo composta@ferrovial.com

Compostaxe en Campolongo

Pero non só o Plan Composta é o que está a levantar moitas expectativas. A apertura dos catro novos centros de compostaxe no barrio de Campolongo resultou un gran éxito a finais da semana pasada. De feito, tanto o concelleiro responsable do servizo Raimundo González como os mestres e mestras composteiras que estaban nas carpas informativas atenderon a un grande número de veciños que confirmaron que estaban á espera de que a compostaxe chegara ao seu barrio.

De feito, en dous días de campaña informativa, os mestres composteiros recolleron 70 peticións de adhesión á compostaxe comunitaria. Son domicilios nos que residen máis de 200 persoas.