O Concello prepara a reforma do edificio de Santa Clara para transformalo na “Redeira”

36

A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

O Concello de Pontevedra iniciará nas vindeiras semanas a tramitación da reforma do edificio municipal de Santa Clara para poñer en marcha o proxecto “Redeira”, unha iniciativa multidisciplinar para garantir a igualdade da muller en todos os ámbitos.

A portavoz do Goberno e responsable de xestión dos fondos FEDER (Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional), Anabel Gulías explicou esta mañá que o proxecto ten un custe de 90.739,75 euros que estarán financiados nun 80% polo FEDER.

Na actualidade o edificio de Santa Clara está ocupado polo Centro de Información á Muller (CIM) e tamén polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra-Morrazo que se trasladará ás novas instalacións dos Campos, unha vez que remate a reforma da antiga escola unitaria de Mourente.

Co traslado do GDR poderase iniciar a reforma das dependencias municipais de Santa Clara para transformalo nun edificio multidisciplinar que garanta a igualdade da muller en todos os ámbitos, incluído o económico. A responsable dos Fondos Feder explicou que o propósito “é facer proxectos colaborativos onde compartir experiencias”.

A obra terá un prazo de execución de 2 meses e inclúe a transformación da primeira planta do edificio e tamén da praza exterior.