Concello e COAG asinan o convenio para compartir plataformas e axilizar a tramitación de licenzas

26
  • Ambas entidades intercambiarán documentación técnica relativa a licenzas, comunicacións previas, declaracións responsables e  outros trámites urbanísticos 
  • Pontevedra é o terceiro Concello de Galiza co que o COAG asina un convenio destas características

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza (COAG), Anselmo Villanueva, asinaron esta mañá o convenio mediante o cal ambas entidades porán en común o acceso ás súas respectivas plataformas para axilizar as tramitacións urbanísticas e intercambiar documentación técnica. Tras a sinatura, na que estiveron acompañados polo concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, e pola secretaria da delegación do COAG, María Pierres, o alcalde indicou que a posta en marcha deste acordo “vai ser un avance importante na axilización das tramitacións e na modernización da Administración que, a partires de agora, se constrastará coa práctica diaria”. 

Pola súa banda, Anselmo Villanueva afirmou que “este é un paso importante para o Concello e un paso enorme para todos os administrados, para todos os cidadáns de Pontevedra, e incluso para os arquitectos de Pontevedra, porque vai ser a primeira pedra para que as licenzas se tramiten doutro xeito”. Asegurou ademáis que “temos a firme crenza e esperanza de que isto vai ser un revulsivo para que as licenzas se movan con máis rapidez”. Tamén explicou que Pontevedra é o terceiro Concello de Galiza co que o COAG asina un convenio destas características.

Concretamente, o convenio de colaboración refírese á ‘interoperabilidade entre o procedemento de tramitación de traballos profesionais do COAG e o procedemento de tramitación de licenzas e outros trámites urbanísticos do Concello’, co fin último de permitir o acceso telemático a documentación técnica tanto por parte do Concello como por parte dos arquitectos. Así, esta plataforma permitirá ao Concello acceder á documentación dos proxectos visados polo COAG, normalizar a documentación técnica e administrativa de carácter xeral, e garantir a identidade e habilitación dos técnicos redactores. A posta en marcha deste sistema telemático evitará desprazamentos e trámites presenciais o que, ademais de simplificar e axilizar os procedementos administrativos, tamén aforrará custes.