A Semana do Patrimonio Invisible revelará espazos descoñecidos da cidade

60
  • O convento de Santa Clara, o colexio Sagrado Corazón de Placeres, o cemiterio de Santo Amaro, o pazo de Mugartegui e Villa Pilar serán visitables en grupos de 15 persoas
  • Para participar nas visitas, que terán lugar entre o 16 e o 18 de xullo, é preciso inscribirse na web www.patrimonioinvisible.gal

Acceder ao interior de espazos históricos que habitualmente permanecen pechados ao público ou que soen pasar desapercibidos, será posible a vindeira semana grazas á Semana do Patrimonio Invisible. Trátase dun programa posto en marcha pola concellaría de Patrimonio Histórico a través do cal se pretende achegar o valor do patrimonio cultural á veciñanza da man de guías especializados.

“Normalmente o que non se coñece non se valora e a intención deste programa é por en valor o patrimonio da cidade que permanece oculto a maior parte do ano” asegurou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, durante a presentación do programa, na que estivo acompañado por César Abella, da empresa de xestión cultural Trivium. Moreda explicou que nesta primeira edición se escolleron 5 espazos que ou ben responden á característica de permanecer pechados, ou que aínda sendo visitables teñen zonas descoñecidas para a maioría do público. Así, entre os días 16 e 18 de xullo organízanse un total de 18 visitas a 5 espazos escollidos: o convento de Santa Clara, o colexio Sagrado Corazón de Placeres, o cemiterio de Santo Amaro, o pazo de Mugartegui e Villa Pilar.

En cada visita admitirase un máximo de 15 persoas e para asistir é necesario inscribirse previamente a través da páxina web www.patrimonioinvisible.gal. O prazo de inscrición ábrese mañá ás 9h e cada solicitante poderá reservar un máximo de tres visitas para dúas persoas.

César Abella explicou que as visitas serán guiadas por persoal especializado que darán a coñecer estes espazos con rigor histórico, abordando cuestións relacionadas coa arquitectura e a súa historia particular,  como o tipo de construción ao que responden ou mesmo as familias que os habitaron en diferentes épocas.

Os espazos

O convento de Santa Clara, que permanece pechado desde 2017, pertence á orde mendicante das clarisas que tradicionalmente acollía fillas solteiras de familias fidalgas. No seu interior destacan a igrexa de estilo gótico oxival, unha singular ábsida poligonal e o retablo churrigueresco.

O cemiterio de Santo Amaro servirá como base dun itinerario no que se construirá un relato alternativo dos últimos 138 anos da cidade a través de mensaxes escondidas, simboloxías curiosas e historias descoñecidas.

O pazo de Mugartegui, exemplo de arquitectura civil barroca, acollerá unha viaxe histórica polas orixes e vicisitudes deste edificio construído a finais do século XVIII como residencia de José Manuel Valladares y Figueroa.

O colexio Sagrado Corazón de Placeres ofrecerá un percorrido pola historia dun edificio que nace como pavillón de convidados de Montero Ríos para converterse, posteriormente, no Gran Hotel de Baños de mar dos Placeres e rematar como centro educativo. 

Villa Pilar, como exemplo de arquitectura ecléctica indiana de comezos do século XX, permitirá un achegamento pormenorizado a diferentes elementos arquitectónicos representativos, como a escalinata en mármore de Carrara, a balaustrada de estilo inglés ou os primeiros balcóns realizados en formigón.

Programa de visitas

Xoves 16

  • 12h. Colexio Sagrado Corazón de Placeres
  • 13h. Villa Pilar
  • 18h. Colexio Sagrado Corazón de Placeres
  • 19h. Pazo de Mugartegui
  • 20h. Cemiterio de Santo Amaro

Venres 17

  • 9:30h. Convento de Santa Clara
  • 10.45h. Convento de Santa Clara
  • 12h. Convento de Santa Clara
  • 13:45h. Convento de Santa Clara
  • 13:30h. Convento de Santa Clara
  • 18h. Colexio Sagrado Corazón
  • 19h. Cemiterio de Santo Amaro
  • 20h. Villa Pilar

Sábado 18

  • 12h. Cemiterio de Santo Amaro
  • 13h. Pazo Mugartegui
  • 18h. Villa Pilar
  • 19h. Cemiterio de Santo Amaro
  • 20h. Pazo de Mugartegui