O Efecto PO2 suma a Javier Gómez Noya para a promoción da cidade

11
  • Xa está colgado na canle de Youtube do concello o novo microvídeo da Concellaría de Promoción da Cidade, que xestiona Anabel Gulías, no que se ve ao campión de tríatlon levantándose da cama e botándose a correr.

Javier Gómez Noya síntese nas rúas de Pontevedra #comonacasa. O microvídeo de promoción da cidade creado ao abeiro da campaña Efecto PO2 protagonizado polo campión do mundo de tríatlon, está colgado dende esta mañá na canle de Youtube do Concello de Pontevedra e comezará a divulgarse nas redes municipais de Pontevédrate.

A peza forma parte da campaña Efecto PO2 da Concellaría de Promoción da Cidade, que xestiona Anabel Gulías, e que pretende trasladar aos veciños e veciñas de Pontevedra que o Efecto PO2 é un estilo de vida e de respecto polo medio e pola saúde das persoas que ten en Pontevedra un singular exemplo. 

No segundo dos microvídeos, o campión do mundo de tríatlon levántase da cama, vístese e pon as súas deportivas para saír correndo directamente pola praza de España e cara a rúa Michelena.

Con esta gravación, coa pasada e coa que virá, preténdese demostrar como en Pontevedra a rúa, as prazas, o espazo público é a extensión da vivenda de todos os veciños e veciñas de aí a necesidade do seu coidado, do seu mantemento e de que poida ser gozado por todas as persoas en igualdade de oportunidades: nenos e nenas, persoas maiores, discapacitados…

Outras accións

Esta acción compleméntase con outras como as pintadas de rúa -CO2 +PO2 que se poden ver en dez puntos diferentes da cidade, e que permite facer un pequeno xogo: canto máis se pise o CO2, só irá quedando PO2. 

Tamén inclúe unha campaña de carteleira de máis de 1.000 exemplares con sete imaxes distintas que recollen diferentes puntos fortes do modelo de cidade, para explicar na cidade que é o Efecto PO2 Está instalada en sedes administrativas, establecementos, nos mupis da cidade que terán o Efecto PO2 como referente anual.

Outra das accións aínda por iniciar son os faladoiros do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores con persoeiros que se iniciarán no mes de setembro.

O programa de actividades e accións da campaña de comunicación do Efecto PO2 é máis extenso e irase desvelando nas vindeiras semanas. 

Pódese ver o vídeo no seguinte enlace: