Desenvolvemento Sostible proxecta conectar os tres ‘Xeves’ coas ribeiras do Lérez, O Pontillón e Bora a través dunha rede de sendas fluviais

165
  • A Concellería que dirixe Iván Puentes remata o acondicionamento e recuperación integral da senda fluvial de río Lobada e Fens, en Santa María de Xeve, executadas cun orzamento de 3.500 euros

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, proxecta artellar unha rede de sendas fluviais que conecte os tres ‘Xeves’ coas ribeiras do río Lérez e a parroquia de Bora, dende O Pontillón do Castro. Este plan foi anunciado no contexto dunha camiñada realizada cos veciños de Santa María de Xeve e o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, co obxectivo de supervisar o resultado dos traballos executados polo seu departamento para o acondicionamento e recuperación integral da senda fluvial de río Lobada e Fens, en Gatomorto, cun orzamento de 3.500 euros.

Tal e como constata Iván Puentes, a actuación, levada a cabo nun treito de algo máis dun quilómetro, “permitiu recuperar as marxes dunha senda que quedara abandonada nos últimos anos e que ten un gran valor paisaxístico, ambiental e patrimonial, con diversos muíños, un lavadoiro, unha área recreativa e elementos propios das actividades rurais e agrarias tradicionais: poldras (pasos de pedra sobre o afluente), pontellas de lousa e madeira ou muros de pedra”. “É ademais un lugar con varios carballos e árbores de valor singular, que tamén se limparon e podaron. Con esta intervención -sinala o concelleiro socialista- logramos acondicionar e revalorizar toda esta riqueza paisaxística e patrimonial”.

A intención de Puentes é darlle continuidade a esta fermosa senda, que discorre ata o punto no que o río Verducido se xunta co río dos Fontáns, “ata comunicala, augas arriba, ata O Pontillón do Castro, a través de Santa María de Xeve e Verducido, e augas abaixo, pola desembocadura do río dos Fontáns, en O Couso, coas sendas fluviais do Lérez”.

“O certo é que sería un verdadeiro privilexio dispoñer dun sistema de sendas fluviais que permitise conectar a pé os ‘Xeves’ e Verducido e enlazar cos itinerarios que discorren polas ribeiras do río Lérez e que chegan ata a parroquia de Bora. Sería un enorme roteiro dunha riqueza ambiental inmensa e que melloraría substancialmente a integración destas parroquias”, apuntou o edil do PSOE.