O Foro PontEmprende regresa en formato webinar e con relatores de áreas tan diversas como o marketing dixital, o neuromarketing ou as finanzas

35
  • O proxecto formativo online impulsado pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, desenvolverase entre o luns 20 de xullo e o xoves 6 de agosto con vídeo-conferencias diarias

A segunda edición do Foro PontEmprende transformouse a raíz da Covid-19 para converterse temporalmente nun proxecto formativo online mediante vídeo-conferencias (webinars) que conectarán ao 100% coas necesidades reais de autónomos e pemes no mercado actual. Un espazo de encontro virtual entre emprendedores e expertos formadores e profesionais experimentados en diversas áreas do emprendemento, coa fin de dar unha base firme para entender a dimensión dos cambios que se produxeron e potenciar unha actitude de reacción inmediata para favorecer ao comercio local e ás pequenas empresas da nosa contorna. 

Os relatores veñen de áreas tan diversas como o marketing dixital, o neuromarketing e intelixencia comercial, a intelixencia emocional, as finanzas, a asesoría de empresas ou a formación, tocando temas de moita actualidade para os emprendedores e comerciantes, coa fin de achandarlle o camiño que teñen agora por diante e axudar a facer os seus negocios mais competitivos e viables. PontEmprende vaise desenvolver desde o luns 20 de xullo ata o xoves 6 de agosto con vídeo-conferencias diarias (de luns a venres), en horario de 15:30 a 16:30 horas. 

As persoas que non poidan asistir nas datas e horarios previstos, terán a oportunidade de ver estes webinars en diferido, dado que se gravarán e se publicarán na plataforma E-ponte, que está actualmente en proceso de construción. Este programa de relanzamento empresarial está impulsado polo Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, polo que os relatorios que se ofrecen son totalmente gratuítos para autónomos, pemes e futuros emprendedores (que deberán inscribirse con antelación a través do teléfono 986 86 39 49 ou por whatsapp no 619 217 218). 

O programa de PontEmprende 2020 será o seguinte: 

  • Luns 20 de xullo. MANUEL CONDE: ‘Empeza por trans-formarte’. Fortaleza Emocional para emprendedores en tempos de crise. 
  • Martes 21 de xullo. FERNANDO S. SALINERO: ‘Comprender o cambio e aproveitar o cambio’. 
  • Mércores 22 de xullo. JAIME BARRIERO: ‘A mellor idea, se non vende, nace morta’. 
  • Xoves 23 de xullo. SILVIA GUINART: ‘Principios básicos de Neuromarketing’. 
  • Venres 24 de xullo. DAVID IGLESIAS: ‘O que atende e entende… Máis vende!’ 
  • Luns 27 de xullo. PEPE CABELLO: ‘As 10 mellores habilidades dos emprendedores de éxito’. 
  • Martes 28 de xullo. JOSUÉ GADEA: ‘Aprendendo a vender por valor, non por prezo’. 
  • Mércores 29 de xullo. CARMEN LAFUENTE: ‘Intelixencia financeira nas empresas’. 
  • Xoves 30 de xullo. ROBERTO PÉREZ MARIJUÁN: ‘Deixa de vender, consegue que che compren’. Fundamentos probados de Neuromarketing. 
  • Venres 31 de xullo. EDUARDO MÉNDEZ: ‘Comunicación emocional consciente’. Cara a unha venda eficaz. 
  • Luns 3 de agosto. DIEGO PALOMARES: ‘A creatividade empresarial para o comercio’. 
  • Martes 4 de agosto. Mª CARMEN FUENTES: ‘Emprendemento e financiamento’ 
  • Mércores 5 de agosto. JAVIER RIVAS: ‘Xestión do tempo para aumentar resultados’. 
  • Xoves 6 de agosto. PEPE CABELLO: ‘Claves para aumentar resultados’.