Espectacular arranque da Composta comunitaria no barrio de Campolongo

47
  • En quince días de funcionamento os catro centros de compostaxe comunitaria instalados, xa recolleron tonelada e media de biorresiduos dunhas 250 vivendas do barrio.

A Concellaría de xestión dos residuos, que dirixe Raimundo González, xa prevía un bo comportamento dos composteiros comunitarios instalados no barrio de Campolongo, pero a realidade supera as previsións. Nos 12 primeiros días de funcionamento dos catro centros de compostaxe instalados nas rúas Espincelo, Iglesias Vilarelle, Alcalde Hevia (rúa do Forno) e Paseo de Valle Inclán (con Xeneral Rubín) a Concellaría estima que se trataron arredor de 1,5 toneladas de biorresiduos, e están rexistrados no programa 248 domicilios participantes.

Os centros de compostaxe que teñen un mellor comportamento son os de Alcalde Hevia que contabilizou nos 14 días que leva operativo máis de 500 quilos de biorresiduos e están inscritos 84 domicilios; e o do paseo de Valle Inclán (con Xeneral Rubín) con máis de 450 quilos e unha inscrición de 72 vivendas do barrio.

Aínda que estes son os máis relevantes, tamén o da rúa Espincelo (na urbanización da Xunta) tivo, polo e agora, unha achega duns 300 quilos, e o de Iglesias Vilarelle achégase, tamén, aos 300 quilos. Os dous teñen un número de participantes dunhas 90 familias.

A Concellaría que dirixe Raimundo González xa traballaba coa hipótese da excelente resposta dos veciños e veciñas de Campolongo, por iso xa está estudando a posibilidade de ampliar a dotación de centros de compostaxe no barrio, ademais de amplialos a outros puntos do concello.

Raimundo González aplaudiu a elevada aceptación que está a ter a compostaxe no concello, o que revela o grao de compromiso social dos pontevedreses e pontevedresas co medio ambiente. E tamén salientou que “é mostra do interiorizado e o normalizado que empeza a estar na sociedade pontevedresa a necesidade de tratar os biorresiduos a través dalgunha das tres modalidades de compostaxe que puxo en marcha o Concello: comunitaria, individual ou en colector”.