Lisboa tamén se fixa en Pontevedra como exemplo de cidade na ‘era pos-Covid’

16
  • Miguel Anxo Fernández Lores protagonizará un debate na capital lusa sobre a recuperación de espazos públicos e a prioridade da mobilidade peonil
  • Trátase dunha iniciativa que nace da prensa local co obxectivo de reflexionar sobre como a pandemia debe mudar a cidade e coa mirada posta en “noticias inspiradoras” 

O café A Brasileira do Chiado, en Lisboa, acollerá o debate no que Pontevedra será analizada como exemplo de cidade na ‘era pos-Covid’. A cita, na que participará o alcalde pontevedrés presencialmente, terá lugar o xoves 23 de xullo ás 18h (19h hora galega), cun aforo reducido por mor das restricións de seguridade, e retransmitido en directo e transcrito no canal Sapo.pt.

A intervención de Miguel Anxo Fernández Lores encádrase nunha iniciativa da prensa local que está a programar unha serie de debates para reflexionar sobre como a pandemia debe mudar a cidade, convidando experiencias e exemplos que funcionen, segundo a organización, como “notícias inspiradoras”. Entre as cuestións a abordar sitúan temas como a recuperación de espazos públicos e a prioridade da mobilidade peonil realizada en Pontevedra, o que cualifican como “um otimo exemplo para aprender”.

Deste novo convite internacional deu conta a portavoz do Goberno, Anabel Gulías que o enmarcou na xeira de intervencións que tras a pandemia está a realizar Miguel Anxo Fernández Lores en relación a “como as cidades deben plantar cara a unha emerxencia sanitaria como esta”. Gulías incidiu en que “a maior parte de cidades están facendo reformas e tomando decisións para adecuarse á nova situación e, na medida que van tomando este tipo de decisións, póñense en contacto con nós para ver como fixemos ou para ver como se comportou a nosa cidade”.