O Concello licita a reforma da segunda planta de Michelena 30 por máis de 250.000 euros

18
  • As obras van destinadas a adecuar os espazos de traballo á  normativa de seguridade derivadas da crise sanitaria e terán un prazo de execución de 2 meses
  • Os servizos de Padrón e Rexistro, provisionalmente trasladados á Casa da Luz, está previsto que volvan a estar en funcionamento na planta baixa de Michelena 30 a mediados de agosto

A Xunta de Goberno local deu luz verde esta mañá ao expediente de contratación para as obras de reforma da segunda planta das dependencias municipais en Michelena 30. Segundo explicou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, trátase de acometer os traballos necesarios para adecuar este espazo á normativa de seguridade tras a crise sanitaria, e que permita manter fluxos de circulación seguros e as distancias requiridas tanto para traballadores e traballadoras como para o público. 

Esta obra permitirá reestruturar os espazos para o Servizo de Intervención e contar cunha sala de xuntanzas o suficientemente ampla para atender “futuras eventualidades”. O orzamento desta obra ascende a 256.450,18 euros, terá un prazo de execución de 2 meses e, ao tratarse dun procedemento de emerxencia, serán solicitadas 3 ofertas.

A reforma da segunda planta vén sumarse ás obras que xa están realizándose na planta baixa do edificio para adecuar o funcionamento dos servizos de Rexistro e Padrón ás actuais esixencias de seguridade. Así, estes dous servizos, que están funcionando provisionalmente na Casa da Luz, está previsto que estean de novo en funcionamento en Michelena 30 a mediados do mes de agosto. Convén lembrar que neste espazo se habilitarán dous accesos diferenciados, un acceso específico para os servizos de Rexistro e Padrón de habitantes e outro independente para o resto das dependencias do inmoble; a individualización dos postos de traballo para respectar as distancias e posibilitar a atención de máis persoas en condicións de seguridade; a ampliación do espazo de espera e a mellora dos fluxos de circulación na planta.