O Concello e o Colexio de xestores asinan un convenio para acelerar trámites ante a administración municipal

27
  • Está incluído dentro da política da Concellaría de Réxime Interior que dirixe Anabel Gulías de modernizar e achegar a administración ao cidadán.
  • O Concello recoñece aos xestores como representantes de terceiras persoas en certos trámites administrativos, o que permite acelerar certas xestións que obrigaban á presenza do interesado no consistorio.

O Concello de Pontevedra vén de asinar un convenio de colaboración co Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galiza para recoñecer a condición de representantes aos seus colexiados na intervención nos expedientes municipais. Esta autorización permitirá acelerar trámites xa que os xestores estarán considerados representantes de terceiras persoas que até o de agora víanse obrigadas a realizar presencialmente certos trámites ante a administración municipal.

Este convenio camiña na senda da modernización, simplificación e racionalización dos procedementos municipais, e contribúe á dixitalización e modernización da administración municipal, un dos principais obxectivos da Concellaría de Réxime Interior, que xestiona Anabel Gulías, para o presente mandato. 

Polo tanto, con esta colaboración:

  • O Concello recoñece aos colexiados que figuren nunha relación previamente comunicada á administración polo Colexio de xestores, o carácter de representantes nos procedementos administrativos municipais, e incorporará dita relación no seu rexistro de actividades.
  • Para poder presentar documentación, o colexiado deberá dispoñer dun certificado electrónico (sinatura electrónica) expedido por algún dos prestadores incluídos na citada relación comunicada de profesionais; deberá cumprir a normativa vixente na lei de protección de datos, e terá que estar inscrito e de alta no Rexistro Xeral do Concello.
  • O expediente administrativo recollerá que o colexiado actúa como representante dun terceiro, ante todas as tramitacións que realice na sede electrónica municipal e en relación ao expediente que impulsa.

O convenio xa asinado entrará en vigor a partir do mes de setembro.