Turismo ofrece unha nova forma de coñecer os tesouros da cidade: en paddlesurf dende o río Lérez

202
  • A Concellaría que dirixe Yoya Blanco organiza 8 xornadas, diúrnas e nocturnas, abertas aos visitantes pero tamén aos veciños e veciñas de Pontevedra.
  • Son de balde e as primeiras serán este sábado, 25 de xullo.

A Concellaría de Turismo que dirixe Yoya Blanco en colaboración coa empresa Urban Culture Factory organiza 8 xornadas de paddlesurf, diúrnas e nocturnas destinadas aos visitantes que se cheguen a Pontevedra. É un novo xeito de coñecer as cidades dende o río polo que está pensada como unha actividade gratuíta dirixida aos visitantes e á poboación local de tódalas idades.

Estes singulares paseos contarán cunha audio guía en tres idiomas (galego, castelán e inglés) onde os participantes irán descubrindo a medida que avanzan polo río e guiados por un monitor, a historia, oficios, enclaves, edificios, lendas, flora e fauna autóctona e información de interese turístico e cultural, coa intención de recuperar o valor inmaterial da historia da cidade e o vínculo ao río Lérez a través destas rutas turísticas fluviais en paddlesurf.  

Cun máximo de 8 persoas por ruta, as xornadas comezarán este vindeiro 25 de xullo e rematarán o 29 de agosto.

O calendario da actividade é o seguinte:

  • Sábado, 25 de xullo: ruta nocturna de 09.00 a 24.00 horas
  • Domingo, 26 de xullo: ruta diúrna, de 10.30 a 13.00 horas
  • Domingo, 2 de agosto: ruta nocturna de 09.00 a 24.00 horas
  • Domingo, 9 de agosto: ruta diúrna de 10.00 a 13.30 horas.
  • Sábado, 15 de agosto: ruta nocturna de 09.00 a 24.00 horas
  • Domingo, 16 de agosto: ruta diúrna de 10.00 a 13.30 horas.
  • Domingo, 23 de agosto: ruta diúrna de 10.00 a 13.30 horas
  • Sábado, 29 de agosto: ruta nocturna de 09.00 a 24.00 horas.

Estes horarios e días poden variar en función do solpor ou as condicións meteorolóxicas adversas.

As travesías partirán dende as instalacións do Club náutico de Pontevedra e a saídas en paddlesurf dende a praia fluvial.

A ruta diúrna terá unha duración dunhas 3 horas e media. Recibirase aos participantes no náutico, onde se colocarán todo o material de seguridade. Daráselles unha charla básica sobre a seguridade na auga, o achegamento ao paddlesurf. 

Trasladaranse á praia fluvial, onde partirá a travesía pola canle do Lérez con saída dende a praia fluvial e chegada ao club náutico. Durante este paseo, o visitante terá a oportunidade de ir gozando da explicación do guía, para retornar ao náutico de onde partiu a actividade.

Na travesía da noite o procedemento será o mesmo, aínda que a duración prevista é de 2 horas e 40 minutos.