Pontevedra, experiencia inspiradora para a ‘Lisboa pos-Covid’

6
  • Miguel Anxo Fernández Lores avogou pola intervención no espazo público para gañar en calidade de vida para as persoas e dinamizar a economía de proximidade
  • O alcalde de Pontevedra mantivo durante toda a xornada unha axenda de encontros con medios locais para explicar o modelo urbano pontevedrés

O modelo urbano de Pontevedra foi o protagonista do debate sobre mobilidade que tivo lugar a última hora desta tarde na terraza do café lisboeta ‘A Brasileira’ e que se enmarca nunha serie de encontros denominados ‘Debater a cidade. Regresar á cidade’, para reflexionar sobre o efecto da pandemia na recuperación da capital lusa. Segundo explicou a moderadora do debate, a xornalista e ex-directora executiva do Diario de Noticias, Catarina Carvalho, a presenza do alcalde de Pontevedra nesta cita obedece a que a experiencia de Pontevedra é “inspiradora” posto que grazas ao traballo realizado nos últimos 20 anos, non precisou de medidas específicas para facilitar a volta das persoas á rúa de forma segura tras o confinamento.

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores centrou a súa intervención en dar unha visión xeral das claves do modelo pontevedrés, que resumiu en recuperación do espazo público para as persoas, calmado do tráfico, prioridade da mobilidade peonil e políticas complementarias para dotar de actividade cultural, deportiva e festiva os espazos recuperados. Gañar calidade de vida, aumentar poboación no centro urbano, ter poboación menos envellecida ou reducir emisións e contaminación foron os puntos que máis interesaron durante o encontro, posto que entroncaba coas principais preocupacións dos organizadores do debate: perda de pobación da cidade nos últimos anos, envellecemento da veciñanza nos barrios históricos e perda de manifestacións culturais locais.

A pregunta de se o modelo funcionaría en Lisboa ou só funciona en Pontevedra porque é unha cidade pequena, Fernández Lores insistiu en que “cada cidade ten que buscar o seu propio camiño pero, en todo caso, as cidades grandes poden apoiarse no transporte público” e asegurou que a busca dun modelo de cidade sostible “non é un problema só de Lisboa senón que todas as cidades teñen  que tomar decisións para ser máis habitables, máis seguras e menos contaminantes e, neste sentido, a Covid está acelerando as cousas”. 

Ademais no marco da relación entre crise sanitaria e recuperación económica, o alcalde de Pontevedra fixo mención ao impacto da recuperación dos espazos urbanos no comercio de proximidade e na economia local asegurando que “a actuación pública no espazo urbano estimula a actividade económica privada”. Por último, tamén se referiu á autonomía das persoas máis vulnerables (crianzas, persoas con discapacidade e persoas maiores) e á calidade de vida en xeral, indicando que “se non se fan actuacións deste tipo a poboación busca calidade de vida fóra da cidade, que era que pasaba en Pontevedra en 1999”. 

No encontro tamén participaron o concelleiro de Mobilidade de Lisboa, Miguel Gaspar, a activista a prol do uso da bicicleta, Rita Fernandes, o representante da Asociación pola Mobilidade Urbana en Bicicleta, Mário Alves, e o presidente da Xunta de Freguesía da Baixa Lisboa, Miguel Coelho. Este ciclo de debates sobre a Lisboa pos-Covid está auspiciado polo histórico café do Chiado ‘A Brasileira’ e a xornalista Catalina Carbalho co obxecto de promover o debate crítico e recuperar o espírito das tertulias cultuais que acollía este café durante o pasado século e que convertera este local nun centro de dinamización do pensamento. 

Encontro co presidente da Cámara de Lisboa

Miguel Anxo Fernández Lores, acompañada pola concelleira de Ocupación de Espazos Públicos, Eva Vilaverde, mantivo ao longo de toda a xornada unha axenda de encontros coa prensa local para explicar o modelo urbano pontevedrés. Así, a primeira hora da mañá realizou un percorrido por Lisboa cun equipo da canle de televisión TVI, seguido dunha entrevista para a revista Visao, e pola tarde mantivo unha entrevista coa corresponsal en Lisboa do xornal Folha de Sao Paulo.

Ademais, a primeira hora da tarde mantiveron un encontro co presidente da Cámara de Lisboa, Fernando Medina, no que intercambiaron impresións sobre os efectos da crise sanitaria e a adaptación das cidades. Neste sentido, Fernando Medina tamén coincidiu en ver a crise sanitaria como unha oportunidade para “avanzar na dinámica de recuperar o espazo público e retirar carros da cidade”.