Comeza a contratación do estacionamento en superficie do barrio de Valdecorvos

23
  • Terá un custe de case 49.000 euros e poderá iniciar o acondicionamento a mediados do mes de setembro.
  • A Concellaría de Obras que dirixe Demetrio Gómez tamén iniciou nestes días a contratación do proxecto para crear o estacionamento na Parda.

A Concellaría de Obras que dirixe Demetrio Gómez vén de iniciar o procedemento de contratación do novo estacionamento en superficie e de balde que o Concello proxecta no barrio de Valdecorvos. Trátase dunha contratación de case 49.000 euros que poderá estar en execución a mediados do mes de setembro.

O proxecto farase nunha parcela de titularidade municipal situada no barrio de Valdecorvos entre as rúas das Fragas e a rúa Prado Novo, e que foi rozada recentemente para poder realizar traballos técnicos sobre o terreo. O estacionamento estará axustado á parcela polo terá dúas alturas.

Está previsto que esta parcela de estacionamento teña unha capacidade para uns 300 vehículos.

Estacionamento na Parda

Ao mesmo tempo, a Concellaría de Obras tamén acaba de iniciar a tramitación para redactar o proxecto que habilitará outro estacionamento en superficie e de balde no barrio da Parda, entre a rúa Tomás y Valiente e Otero Pedraio, no barrio da Parda. Prevese que teña capacidade para uns 400 vehículos.

O proxecto determinará que superficie da bolsa de terreo situada entre as dúas rúas poderase empregar para estacionamento e deseñará unha senda que una esta parte coa rúa Tomás y Valiente, pola traseira dos xulgados.

Con estes dous estacionamentos dáse solución a unha eiva que afecta á zona leste e sueste da cidade, que ten menos prazas de aparcadoiro de bordo na zona norte e na oeste, segundo ten aclarado o concelleiro Demetrio Gómez. A solución é o incremento das aproximadamente 2.100 prazas de aparcadoiro existentes ata as 2.500 que se conseguirán ao sumar estas dúas parcelas.