Acondicionadas as rutas patrimoniais de Salcedo e Ponte Sampaio

18
  • A Concellaría de Patrimonio histórico que xestiona Xaquín Moreda realizou labores de reparación e mantemento das sendas e da sinalización dos camiños e dos elementos etnográficos e paisaxísticos.
  • Os espazos xa están listos para que poidan ser gozados polos visitantes durante o verán.

A Concellaría de Patrimonio histórico dirixida por Xaquín Moreda vén de acondicionar as rutas patrimoniais do Concello: Salcedo no Tempo e Ponte Sampaio, logo do paso do inverno. Os labores de mantemento, conservación e recuperación permitirán volver gozar da riqueza etnográfica destes destas dúas paraxes únicas en Pontevedra.

As reparacións consistiron no repintado de marcas das sendas para que os camiñantes poidan facer as rutas seguros, a recuperación da sinalización e letreiros informativos, e rozas en todos os camiños. Cabe lembrar que as rutas patrimoniais de Salcedo no Tempo e Ponte Sampaio atravesan zonas boscosas que precisan dun mantemento no verán para que poidan ser gozadas por parte das persoas que desexen realizalas.

Salcedo no tempo

A ruta de Salcedo, Salcedo no Tempo, permite ver un importante conxunto de bens cun elevado valor ecolóxico, etnográfico, histórico e arqueolóxico: a Tabacalera, o Pazo de Gandarón e a Misión Biolóxica, os muíños da Cancela, os petróglifos do Mato das Cruces e Outeiro da Mina, os muíños do Outeiro, o Castro das Croas, os muíños do Batán, o petróglifo de Vilar de Matos, a Sociedade de Agricultores, a Igrexa de San Martiño de Salcedo, o Castro e Pinal de Matalobos e a Capela de San Brais.

Conta con 27 paneis interpretativos e 66 balizas de orientación feitas en ferro galvanizado, elementos todos eles recuperados e limpos neste verán. Con este sistema de información e orientación, os visitantes poden realizar os percorridos de forma autónoma.

Os principais fitos do espazo etnográfico e arqueolóxico de Salcedo son o patrimonio natural e cultural do río de Tomeza; os camiños históricos dende a vía romana XIX ao camiño portugués; a Misión Biolóxica de Galicia como capital da cultura científica galega; as estacións de arte rupestre de Vilar de Matos (Cabanas), Mato das Cruces (A Esculca) e Outeiro da Mina (A Muimenta); o Castro das Croas como espazo arqueolóxico e lendario; o conxunto de muíños do río do Batán: muíños do Outeiro, do Batán e da Cancela; o patrimonio eclesiástico coa igrexa parroquial, o cemiterio e a capela de San Brais; o movemento agrario en Salcedo a través dos heroes do Campo da Porta e a Sociedade de Agricultores; e a vinculación de Salcedo con Castelao, vista dende o Castro de Matalobos. 

Na páxina web do proxecto salcedonotempo.pontevedra.gal pódese atopar máis información e mapas.

Ruta patrimonial de Ponte Sampaio

Ao respecto da ruta histórica e patrimonial de Ponte Sampaio, a Concellaría tamén fixo labores de roza, limpeza e restauración de sinalización, logo do remate da tempada das chuvias.

Nesta ruta atópanse diversos elementos de arquitectura popular como o muíño do Pozo Negro, o cruceiro do Vilar ou o Paredón do Rañadoiro, entre outros. Todos estes puntos de interese teñen paneis informativos sobre cada un dos elementos etnolóxicos e paisaxísticos que se poden observar no lugar.

Trátase dun itinerario de máis de catro horas de camiño no que se contemplar a Ponte de San Paio, o Camiño de Santiago, o Alto da Curuxeira, o Cruceiro da Ballota, a Igrexa de Santa María e Reitoral, a Illa de Medal, a Ponte do ferrocarril, a Illa do Castelo, o Río e Foz do Verdugo-Oitavén, as Illas Ervedosas, o Cruceiro do Souto, a Ponte Nova, o Río Ulló, a Marisma do Ulló, Muíños de Pozo Negro, o Monte do Castro, Calzada de Vilar, Muíños de Vilar, Ponte do Río, Cruceiro do Vilar, Cristo da Bica, Miradoiro das Cambariñas, Canastro de Proumalla, O Paredón, Pozos de Corneda, Chan das Cruces, Calzada de Acevedo, Pozos do Regueiro dos Muíños, Muíños de Acevedo, Praza do Souto, Cruz do Forniño, Pedra Forniña, Capela de San Xosé, Muíño e Pozo de Cartas, Porta Laxe, Carballeira de Cadillos e Pozo de Portovedro.