Comezan as obras para dotar de auga potábel a toda a parroquia de Bora

36
  • O investimento supera os 4,7 millóns de euros, é dicir, máis de 12.000 euros por vivenda da parroquia.
  • En breve comezará a canalización do saneamento que ten un custe de 2,6 millóns de euros para 158 casas.
  • Nos dous conceptos (auga e saneamento), Bora recibirá 7,3 millóns de euros, é dicir, 50.000 euros por domicilio.

A Concellaría do Ciclo da auga inicia mañá os primeiros traballos para dotar de auga potábel á parroquia de Bora. É un proxecto de máis de 4,7 millóns de euros o que suporá facer un investimento de 12.496 euros por vivenda, xa que se poderán beneficiar 383 domicilios. Está previsto que a obra comece polo lugar da igrexa parroquial.

Polas características da parroquia, o abastecemento está dividido en dous proxectos que suman un investimento de 4.785.791,91 euros. O departamento que dirixe Raimundo González lembra que esta actuación corresponde a unha rede secundaria, polo que habería que engadir o investimento da rede primaria -a que se executou previamente para canalizar as tubaxes cara as vivendas-, polo que a cifra neste apartado ascende aos 25.000 euros por vivenda.

O primeiro dos proxectos de abastecemento da parroquia de Bora ascende a 2.954.429,94 euros e ten un prazo de execución de 20 meses. Os lugares nos que se levará a cabo a instalación son Leirados, O Teso, Cara, As Pontes, Vilares, O Quinteiro, O Tombo, A Lameliña, O Pio, O Couto, O Valo e Portamuiño. En Mourente a canalización realizarase nos lugares de A Raixera, Eirós e Carabelos. 

O segundo dos proxectos ten un orzamento de 1.831.361,97 euros e un prazo de execución de 13 meses. Esta intervención supón a canalización nos lugares de A Corval, A Igrexa, As Leiras, O Tombo, A Cardosa, e O Salgueiral.

Saneamento

Ademais do proxecto de abastecemento, está pendente de completar o saneamento da parroquia de Bora, que se fará cun investimento de 2.670.277,88 euros. Ten un prazo de execución de 19 meses, e está proxectado para as 158 vivendas que ata o de agora non contaban con este servizo.

Contando o sumatorio de abastecemento e saneamento, o investimento na parroquia supera os 7,3 millóns de euros e, polo tanto, o Concello destinará 50.000 euros por vivenda de Bora nestes dous conceptos.