‘Con voz de muller’ achega a Pontevedra unha representación do talento artístico feminino actual

48
  • Inclúe 12 propostas que combinan música, teatro e literatura, nos escenarios da praza da Ferraría, praza da Curtidoira e pistas de Campolongo 

A concelleira de Festas e Dinamización Sociocultural, Carme da Silva, acompañada de varias artistas que participan no programa ‘Con voz de muller’ subiuse esta mañá ao escenario instalado na praza da Ferraría para presentar unha programación coa que “facer visible a importancia e o papel imprescindible que teñen as mulleres deste país na transmisión da cultura e na viveza e na riqueza que ten o noso panorama cultural”.

Así, a poeta Silvia Penas, a directora teatral Vicki Estévez, as cantantes e compositoras Faia e Belén Tajes, a regueifeira Alba María, a actriz Patricia de Lorenzo, e as tres Pandereteiras de Verducido, Clara, Candela e Cecilia, achegáronse esta mañá á cidade do Lérez para explicar as súas propostas e amosar a súa satisfacción por formar parte da programación festiva deste ano. ‘Con voz de muller’ acolle 12 propostas diferentes, que combina proxectos individuais e colectivos, e que en palabras de Carme da Silva “dá mostra da  pluralidade que hai na actividade cultural e artística de Galiza e que combina música, teatro, poesía de diferentes estilos pero cunha cousa en común: a voz das mulleres”.

As actuacións repartiranse en tres escenarios, a praza da Ferraría, a praza da Curtidoira e as pistas de Campolongo, e terán lugar os días 30 e 31 de xullo e 1 de agosto.

Programa Con voz de muller

30 de xullo 

  • 20:30h. Praza da Curtidoira: Puedes llorar los viernes. 105 besos
  • 21:00h. Praza da Ferraría: Aldaolado
  • 22:00h. Pistas de Campolongo: Faia

31 de xullo

  • 20:30h. Praza da Curtidoira: Najla Shami
  • 21:00h. Praza da Ferraría: Impro ao chou. 8mm
  • 22:00h. Pistas de Campolongo: A banda da loba

1 de agosto

  • 12:00h Praza da Curtidoira: Cartografías. Poesía Belén Tajes
  • 13:00h. Praza da Ferraría: Regueifa. Lupe e Alba María
  • 13:30h. Pistas de Campolongo: MJ Pérez
  • 20:30h. Praza da Curtidoira: Belén Tajes
  • 21:00h. Praza da Ferraría: Pandereteiras de Verducido
  • 22:00h. Pistas de Campolongo: As fillas bravas. Chévere

Protocolo Covid-19
Todas as actuacións de escenario estarán acoutadas, aforadas e co público sentado en función do número de cadeiras que permita cada espazo escénico distribuído pola cidade e os barrios. O aforamento está determinado por estudos previos realizados pola Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, atendendo aos distintos decretos ditados polas administracións estatal e autonómica. 

Os 13 espazos escénicos serán previamente desinfectados: cadeiras, escenario, camerinos, zonas de control… Ao remate de cada actuación, volverase a desinfectar.
A asistencia a todos os espectáculos é de balde, mantendo así a política festiva do Concello de Pontevedra. A entrada ao recinto abrirase unha hora antes para que as persoas que queiran asistir poidan facelo con tranquilidade, sen aglomeracións e garantindo as medidas hixiénico-sanitarias marcadas. En todos os espazos escénicos haberá unha única porta de entrada. 

O público deberá pasar, primeiro, por unha alfombra húmida (con produtos desinfectantes) e a continuación por unha alfombra seca. Deberán levar máscara, limpar as súas mans con hidroxel e seguir, en todo momento, as indicacións do persoal de seguridade e dos acomodadores que haberá no espazo acoutado. 

Os espectáculos durarán unha hora. O público asistente deberá permanecer sentado todo o tempo, agás para abandonar o recinto. 

Ao remate, a Concellaría habilitará dúas saídas en cada un dos espazos, que estarán en lugares opostos á entrada.