Esgotadas as prazas dos roteiros sobre ponte do Burgo para adultos

65
  • Tan só quedan prazas dispoñibles nos roteiros infantís, para rapaces e rapazas de máis de 5 anos, que poden inscribirse en apuntate.pontevedra.gal 
  • Esta iniciativa enmárcase na programación de actos da ‘inauguración espallada’ ao longo do mes de agosto da remodelación da ponte do Burgo

As 21 prazas de cada un dos roteiros sobre a Ponte do Burgo programados para os mércores 12, 19 e 26 de agosto xa están esgotadas. Trátase dos roteiros deseñados para adultos e que terán lugar entre as 21h e as 22:30h e que rematarán cun petisco no Mercado municipal. Nas mesmas datas, en horario de 19h a 20h, tamén se programan roteiros infantís, para rapaces e rapazas a partires de 5 anos, nos que neste momento aínda quedan prazas libres. A participación é de balde, mais é  preciso facer unha inscrición previa en apuntate.pontevedra.gal

Esta iniciativa forma parte da “inauguración espallada” da remodelación da ponte do Burgo, e que terá o primeiro acto o vindeiro martes 4 de agosto. Neste día ás 22h está prevista a apertura da mostra sobre a Ponte do Burgo, ás 22:30h darase paso ao primeiro acendido monumental da ponte e ás 23h ao acendido ornamental con luces de cores que durará ao redor dun minuto. O acendido da nova iluminación acompañarase cunha actuación do cuarteto de corda da Orquesta Filharmónica Cidade de Pontevedra que interpretará as pezas ‘A primavera’ e ‘O verán’ de Vivaldi. Tanto a iluminación como a actuación musical poderán seguirse desde ambas marxes do río entre a ponte de Santiago e a ponte da Correntes, o que supón un espazo de 1,5 kilómetros e que permite gardar distancias sociais e manter medidas de seguridade.

Ademais tanto o acendido monumental como o ornamental repetiranse todos os días ás mesmas horas. 

Convén lembrar que o proxecto de iluminación da ponte inclúe luces na superficie encaixadas no pavimento,  iluminación en altura con elementos integrados na varanda, e elementos para dar luz á base dos arcos mediante proxectores individuais que realzan a traza dos arcos, a súa estrutura e forma.

As obras de remodelación da ponte e da súa contorna comezaran o 7 de marzo do pasado ano e foran adxudicadas por un orzamento de 2.057.000 euros. O proxecto premitiu acondicionar un espazo público de referencia na cidade, dotándoo de preferencia peonil e apostando pola recuperación e posta en valor do patrimonio que representa. Así, actuouse en elementos da propia ponte, como o taboleiro e a varanda, implementouse un ambicioso proxecto lumínico, modificouse o entronque coa praza Valentín Garcia Escudeiro (cabeceira sur) co fin de darlle continuidade ao trazado peonil que vén da ponte seguindo a traza histórica do Camiño, e remodelouse por completo o entronque co paseo Domingo Fontán e rúa Xoán Manuel Pintos (cabeceira norte), eliminando a rotonda de tráfico rodado e creando unha nova praza con deseño e mobiliario acordes co modelo Pontevedra.

O proxecto de posta en valor da Ponte do Burgo está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”.