Aprobada a ampliación da rede de saneamento de Alba por máis de 1,6 millóns de euros

18
  • Dará servizo a 83 vivendas e inclúe a instalación dun bombeo no lugar da Devesa

O proxecto de ampliación da rede de sumidoiros na parroquia de Alba, que foi aprobado esta mañá en Xunta de Goberno, ascende a 1.651.849,63 euros e dará servizo a 83 vivendas. 

Esta obra contempla a instalación de novas redes de sumidoiros nos lugares de Touceda, Pontecabras, O Bispo e A Devesa na parroquia de Alba, e en A Cendona na parroquia de Lérez, e Vigario na parroquia de Cerponzóns. Ademais da instalación desta nova rede, tamén contempla un bombeo colectivo no lugar de A Devesa e a reposición de máis dun kilómetro da rede de pluviais existente.

A portavoz do Goberno, Carme da Silva lembrou que este proxecto forma parte “dun proxecto de abastecemento e saneamento moi ambicioso que o Concello está desenvolvendo en todo o rural cun importe de máis de 50 millóns de euros”.  Explicou, ademais, que no proxecto aprobado esta mañá o custe por vivenda ascende a 20.000 euros. A esta cantidade habería que sumarlle a conexión co proxecto de Cerponzóns ou doutras parroquias polo que o custe final se situaría en 30.000 euros por vivenda.