O Concello salienta o comportamento responsable da sociedade no inicio das festas

17
  • Carme da Silva parabenizou especialmente á xente moza pola demostración de “responsabilidade e seriedade” ao respectar as normas de saúde públicas vixentes e non celebrar a festa de peñas

A concelleira de Festas, Carme da Silva valorou a primeira fin de semana das Festas da Peregrina como unha demostración de “comportamento responsábel por parte da sociedade, tanto a de Pontevedra como das persoas que nos visitan”. 

A concelleira quixo facer unha mención especial á xente moza por antepoñer as normas de saúde pública vixentes neste momento e non celebrar a tradicional festa de peñas. “Gustaríame parabenizar o seu comportamento porque fixeron unha demostración de responsabilidade e de seriedade porque como todo o mundo puido comprobar non houbo festas de peñas, e é xusto dicilo porque ás veces facemos xuízos sobre o comportamento da xente nova que non son xustos” asegurou Da Silva. Neste sentido, engadiu que “debemos estar orgullosas da xente nova que temos na nosa sociedade”.

En xeral, asegurou que no inicio das Festas estase seguindo coa “tónica xeral que xa tiñamos en toda a programación de verán ata o de agora, cun comportamento responsable, respectando tanto as medidas de seguridade que se poñen nas actividades como pola rúa”. Como exemplos deste comportamento mencionou o uso xeralizado de máscaras e o respecto polas distancias sociais, evitanto aglomeracións.