Medio Natural repara as escaleiras que permiten acceder a Rosalía de Castro dende o río dos Gafos

41
  • As obras realizadas polo departamento que dirixe Iván Puentes supuxeron un investimento duns 5.200 € e incluíron o arranxo dunha pasarela de madeira nas inmediacións da Ponte Nova

Un investimento 4.404,65 euros fixo posible a restauración das escaleiras de pedra que conectan o treito da senda dos Gafos que discorre polas inmediacións da rúa da Ponte Nova coa rúa Rosalía de Castro e A Tablada. As obras de reparación impulsadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e executadas pola empresa Eicos Gestión SL permitiron así arranxar unha estrutura que se atopaba moi deteriorada, con varios chanzos crebados ou desprendidos, e que moitos veciños empregan para acceder a Rosalía de Castro dende a zona do Monte do Taco.

Segundo explica o responsable do departamento municipal, o socialista Iván Puentes, “ao tempo que se pecharon estas escaleiras, para reforzar a súa estrutura e construír algún chanzo novo, tamén se aproveitou para restaurar unha pasarela de madeira situada augas abaixo, entre as rúas da Tablada e a Ponte Nova”. “Trátase dun treito duns cinco metros no que había diversos listóns estragados e rotos, polo que se encargou a súa substitución cun orzamento duns 800 euros. As dúas actuacións suman un importe global de máis de 5.200 euros e permitiron garantir unha zona de acceso en condicións de seguridade dende a senda fluvial a Rosalía de Castro”, sinala o edil.

Estes traballos veñen sumarse aos que a Concellería de Medio Natural levou a cabo nesta mesma zona da desembocadura de Os Gafos para optimizar a súa iluminación (unha obra moi demandada polos veciños). Tal e como avanza Iván Puentes, estas actuacións “buscan manter todo esta área da senda fluvial de Os Gafos en perfecto estado mentres non se leve a cabo o proxecto que faga posible destapar e rexenerar o río ao seu paso polo barrio de Campolongo”.