Paloma Castro salienta os “históricos” investimentos realizados pola súa Concellería “para que a xustiza social aflorase con forza durante esta pandemia”

69
  • A parlamentaria socialista vén de presentar a súa renuncia ao cargo de concelleira de Igualdade e Benestar e formalizará a mesma no Pleno extraordinario que a Corporación celebrará o martes 18

A socialista Paloma Castro vén de presentar a súa renuncia ao cargo de concelleira e ten intención de formalizala no Pleno extraordinario que a Corporación municipal celebrará o vindeiro martes 18 de agosto ás 11:00 horas. Na súa derradeira rolda de prensa como responsable de Igualdade e Benestar Social, a parlamentaria do PSdeG fixo balance da súa xestión á fronte deste departamento durante algo máis dun ano, no que se realizaron uns investimentos “históricos” nunha área, a de Servizos Sociais, “que amosou máis que nunca a súa importancia nestes meses de pandemia”.

Castro afronta esta nova etapa no Parlamento Galego “con moitas gañas e ilusión, coa vontade de levar a cabo un traballo intenso, a fin de que os intereses de Pontevedra sexan tidos en conta e de fiscalizar o labor do Goberno autonómico para que, dunha vez por todas, cumpra coas promesas e compromisos que tantas veces lles fixo á nosa cidade e á nosa provincia e que sempre quedan nun caixón tralas eleccións”. Tal e como avanzou, ademais de encargarse do territorio de Pontevedra e do Morrazo, a parlamentaria do PSdeG estará presumiblemente na Comisión Primeira, centrándose en temas de Xustiza e Interior, así como na Cuarta, en asuntos de Mocidade (as competencias aínda deben repartirse).

Paloma Castro afirma abandonar o cargo de concelleira “coa sensación de deixar os deberes feitos”, traballando “arreo” para poder cumprir “as demandas sociais das persoas do noso municipio”. A socialista agradeceu “o esforzo e dedicación” do “gran equipo de profesionais” cos que conta a Concellería de Igualdade e Benestar, “sobre todo nos momentos tan duros que nos tocou vivir coa pandemia da Covid-19”.

“Soubemos dar unha resposta rápida ás necesidades que ían xurdindo e coido que Pontevedra foi pioneira na adopción de medidas para afrontar esta tesitura, tanto a nivel de persoas sen fogar como de comedores escolares e de asistencia a persoas maiores soas ou en situación de dependencia. Cumprimos cos protocolos dun xeito tan estrito que conseguimos que non houbese ningún contaxio entre os profesionais que traballaron en Servizos Sociais”, asegurou.

Segundo subliñou, “fíxose un esforzo económico histórico”, destinándose 325.000 euros á Renda Social Municipal, 200.000 euros a Axudas de Emerxencia e Axudas Covid-19, 84.000 para gastos derivados do estado de alarma, como os albergues de Raíña da Paz e o Multiúsos da Xunqueira, 30.000 para os nenos de Servizos Sociais que quedaron sen comedor escolar, 55.000 para o reparto de comida entre as persoas máis vulnerables, 194.000 para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e 50.000 para diversos programas de Benestar Social.

“Pontevedra é un municipio xeneroso e solidario”

Na súa opinión, esta pandemia “serviunos para poñer de manifesto a importancia duns servizos sociais fortes, como elemento imprescindible das institucións públicas de cara a permitir que a xustiza social poida aflorar mesmo nestes tempos tan difíciles e evitar que ninguén quede atrás”. Paloma Castro agarda que esta situación serva “para darnos conta de que os Servizos Sociais son fundamentais e deben manterse fortes para o que poida vir”. “A axuda de empresas e particulares -apuntou- foi exemplar no noso municipio, amosando novamente que Pontevedra é un concello xeneroso e solidario”.

Por outra banda, a concelleira de Igualdade salientou a súa aposta por situar a Pontevedra “como referencia de cidade comprometida coa igualdade e a diversidade”, o que se traduciu no reforzamento do Centro de Información á Muller (que conta agora mesmo con dúas psicólogas, unha axente de Igualdade, unha administrativa, unha letrada e dúas axentes de Policía Local) e a Mesa de Violencia de Xénero, “aumentando a coordinación do Sergas e coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”. Asemade, desenvolvéronse diversas campañas contra a violencia sexual e a trata de mulleres e a prol da abolición da prostitución, incluíndo a presentación do documental de Mabel Lozano ‘El Proxeneta’. “Como primicia, Pontevedra converterase o vindeiro 23 de setembro, Día Mundial contra a Trata de Mulleres, na primeira cidade na que se presente o novo corto documental de Mabel Lozano ‘Biografía del cadáver de una mujer’”, adiantou.

Ademais de promover intensas campañas de sensibilización tanto o 8M como o 25N, Castro tamén enfocou accións de concienciación cara a xente nova, centradas en cuestións como as relacións tóxicas e os mitos do amor romántico, e impulsou unha exposición fotográfica efémera pioneira que forma parte dun proxecto internacional e na que se expuxeron os rostros de mulleres do noso contorno na Casa Consistorial e a facultade de Belas Artes.

O primeiro CIDES e o primeiro premio literario en materia LGTBI

No que atinxe ás materias de diversidade, tolerancia e LGTBI, Paloma Castro foi a creadora do primeiro Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES) de Galicia, un centro pioneiro a nivel autonómico na loita contra a LGTBIfobia. A socialista tamén foi precursora na posta en marcha do primeiro congreso enfocado á comunidade educativa en materia de diversidade e de educación para a igualdade e do I Premio Literario Pinto e Maragota, “o primeiro galardón de literatura LGTBI, en colaboración con Edicións Xerais”.

Por último, Castro amosou o seu compromiso na defensa dos dereitos dos animais, impulsando campañas en torno á responsabilidade dos donos de mascotas, a concienciación contra o abandono, o fomento da adopción e a recollida das deposicións nos espazos públicos. Neste eido, a edil do PSdeG indicou que o seu departamento incrementou por tres, de 5.000 a 15.000 euros, o orzamento dedicado ao rescate e esterilizacións dos animais abandonados (tanto para a canceira como para o control das colonias felinas).