Os roteiros turísticos fluviais de paddle surf organizados pola Concellería de Turismo volven esgotar as súas prazas en cuestión de horas

38
  • Visit Pontevedra abriu onte a inscrición para participar en sete novas rutas gratuítas da man de Urban Culture Factory e, tal e como acontecera coas primeiras oito, as 56 prazas ofertadas ‘voaron’
  • Yoya Blanco amósase “encantada coa tremenda demanda do programa ‘O río como rúa principal’ e coa satisfacción expresada pola xente que participou tanto nos itinerarios diúrnos como nos nocturnos”

A Concellería de Promoción Económica e Turismo, a través de Visit Pontevedra, abriu onte a inscrición para participar en sete novas rutas turísticas fluviais gratuítas do programa estival ‘O río como rúa principal’. Tal e como acontecera coa primeira quenda de oito roteiros de paddle surf polo Lérez, desenvolvidos por iniciativa da firma Urban Culture Factory, as 56 novas prazas ofertadas (oito persoas por itinerario) ‘voaron’, esgotándose en cuestión de horas.

A responsable do departamento municipal, a socialista Yoya Blanco, amósase “absolutamente encantada coa tremenda demanda desta actividade e coa satisfacción expresada pola xente que xa participou tanto nas rutas diúrnas (de 10:00 a 13:00 horas) como nas nocturnas (de 9:00 a 24:00 horas)”. Ata a data, xa se celebraron roteiros o 25 e o 26 de xullo e o 1, 2 e 9 de agosto, estando previstas as seguintes saídas polo río para a xornada de mañá (unha diúrna e unha nocturna) e do domingo (diúrna). “O programa ‘O río como rúa principal’ abrangue un total de 15 itinerarios gratuítos. A seguinte quenda dará comezo a fin de semana do 22 de agosto e as rutas pecharanse o domingo 30”, explica concelleira de Promoción Económica e Turismo.

Tal e como constata Yoya Blanco, “trátase dunha proposta única para percorrer a cidade sobre esa rúa principal que é o río Lérez, un paseo atípico custodiado por pontes, lendas, edificios ou esa vixía eterna das augas da cidade, a Basílica de Santa María”.