O programa Saltar na Rúa aumenta a súa espectacularidade na súa IV edición ao trasladarse ao escenario da Ponte do Burgo

65
  • A IV edición do evento organizado pola Sociedade Ximnástica en colaboración co Concello terá lugar o sábado a partir das 19.30 horas e contará con varios dos mellores saltadores galegos

A IV edición do programa Saltar na Rúa, organizado pola Sociedade Ximnástica de Pontevedra en colaboración coa Concellería de Deportes, celebrarase este ano nun escenario tan pouco habitual para este tipo de disciplinas deportivas como espectacular: a renovada Ponte do Burgo. A actividade, que foi presentada hoxe en rolda de prensa polo concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes; a presidenta do club, Charo Castro, e mailo seu director técnico, o perteguista Santi Ferrer, desenvolverase este sábado a partir das 19.30 horas, coa presenza de varios dos mellores saltadores galegos.

A pesar de que a Covid-19 non permitirá este ano realizar as ‘aulas’ de salto cos máis pequenos, os 18 deportistas que participarán no evento (seis atletas por proba, tres masculinos e tres femininos) volverán converter esta competición/exhibición nunha cita moi atractiva para todos os que a queiran seguir. Iván Puentes amosou a “ledicia” do Concello polo espazo elixido para esta edición (o ano pasado realizouse no Paseo de Antonio Odriozola), “coa recén estreada Ponte do Burgo e o río Lérez como escenarios”, ao tempo que felicitou á Sociedade Ximnástica por seren capaz de organizar “nestes complicados momentos que estamos a vivir” unha actividade “tan espectacular como esta”, que permite “a visibilidade dun club que forma parte do ADN deportivo desta cidade”.

Tanto Puentes como Charo Castro incidiron en que o programa Saltar na Rúa 2020 será tan chamativo como o de anteriores edicións, pero contando “coas máximas medidas de seguridade”, polo que animaron á cidadanía a achegarse ata o lugar para seguir a proba de preto.

Santi Ferrer, que tamén competirá na disciplina de salto con pértega, indicou que “con moito esforzo e traballo” conseguiron sacar adiante un evento que “dado o éxito de edicións anteriores, pensamos que debiamos organizar”. “Coido que somos pioneiros, xa que non se debeu saltar nunca antes nunha ponte”, sinalou o director técnico da Ximnástica.

Entre os nomes propios que tomarán parte na cita destacan David Ferrer (Ximnástica), Pablo Modia (Lucus), Raúl Cortizo (Ximnástica), Lucía Sánchez del Valle (atleta xuvenil, medallista no Campionato de España de Pista Cuberta), en salto de lonxitude; Alfonso Palomanes (Campión de España Absoluto en 2016 e recordman galego absoluto con 16,21 metros) e Alba Cons (Subcampiona de España con 12,34 metros como mellor marca e actual Campiona Galega Absoluta), en triple salto; e Lola Bouza (atleta do Adas O Barco, Campiona Galega Sub-18, cunha marca de 3,40 metros), Beatriz Viteri (cunha marca de 3,82 e 12 veces Campiona Galega Absoluta), Óscar Monteagudo (Campión Galego Sub-16 este ano), Santi Ferrer (Campión Galego Absoluto este ano e en diferentes ocasións) e Miguel Cajaraville (Campión Galego Absoluto en 2019), en salto con pértega.

Completan este cadro Alicia Merino e Marta Barragáns (Ximnástica), en lonxitude; Pablo Saa (Celta), Matías Moldes (Ximnástica), Eva Salvado (Ximnástica) e Ariadna Gil (Vila de Cangas), en triple salto, e Marta González (Ximnástica), en pértega.