O tríatlon regresa esta fin de semana “á súa casa” nun Campionato de España de Sprint cunha lista de saída de luxo e a presenza de Marisol Casado

362
  • O alcalde asegura que o protocolo deseñado ofrece “a máxima seguridade” e o concelleiro de Deportes sinala que “Pontevedra lle debe este esforzo” a unha disciplina “tan enraizada”
  • O director técnico da Federación Española sostén que “xamais tivemos unha lista de saída de tanta calidade”. Saleta Castro e Antonio Serrat lembran que será a primeira gran proba de 2020

“Coa excepción de Javier Gómez Noya e Mario Mola, non vai faltar ninguén. Xamais tivemos unha lista de saída de tanta calidade como a deste ano”. Así de entusiasmado se amosou Jorge García, director técnico da Federación Española de Triatlón (FETRI), co Campionato de España de Sprint que acollerá esta fin de semana o contorno do Lérez e que foi presentada nunha rolda de prensa que contou coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; os triatletas Saleta Castro e Antonio Serrat, e o representante da Federación Galega Enrique Hernández.

García confirmou que Marisol Casado, membro do COI e presidenta da Unión Internacional de Triatlón, estará na nosa cidade para seguir a proba en persoa, e asegurou que “volver a Pontevedra é volver á casa do tríatlon”. Tal e como subliñou, “dende o primeiro momento tivemos claro que se queriamos facer un evento de primeiro nivel deportivo coas máximas medidas de seguridade tiña que organizarse en Pontevedra”. 

“Desenvolverase nun circuíto pechado entre a ponte dos Tirantes e Monte Porreiro, sen público e con valado perimetral. Teremos menos participantes e repartidos en dúas xornadas. O sábado 22 pola mañá celebraranse as competicións en categorías Cadete e Paratríatlon e pola tarde as dos Grupos de Idade, cun máximo de 300 participantes. O domingo 23 será a quenda das carreiras Élite masculina (9:00 horas) e feminina (10:45 horas), que sairán a primeira hora para evitar potenciais riscos por afluencia de público. A mediodía tocaralle aos Junior”, avanzou o director técnico da Fetri.

Miguel Anxo Fernández Lores fixo fincapé no “importante esforzo” que se fixo para poder manter este Campionato de España, cun protocolo que “vai dar a máxima seguridade para que se poida facer deporte nun circuíto pechado”. Segundo apuntou, Pontevedra quere “recuperar a normalidade, mantendo tódalas medidas de seguridade”, e dende a Federación tiñan moi claro que “ou se facía este Campionato na nosa cidade ou se anulaba practicamente a tempada”.

Dos mellores eventos que se vai celebrar en España

Tino Fernández está convencido de que o Concello “adoptou unha boa decisión”, xa que “Pontevedra lle debe este esforzo a un deporte tan enraizado na nosa cidade como o tríatlon”. O concelleiro de Deportes afirmou que a proba conta cun protocolo que “minimizará tódolos riscos posibles” e que este Campionato de España “vai ser unha nova mostra da capacidade de Pontevedra para acoller eventos”. “Este é dos mellores que se vai poder celebrar en España”, engadiu.

Pola súa banda, Saleta Castro, quen anunciou que finalmente non poderá participar por mor dunha lesión, agradeceu ao Concello e á Federación o esforzo realizado para organizar o Campionato e asegurou sentirse “moi orgullosa de ser de Pontevedra”, xa que o Goberno local leva volcándose co deporte e co tríatlon dende hai anos. Na súa opinión, “é un privilexio que a primeira gran proba dun ano tan especial se poida celebrar aquí”, nunha carreira que ademais “vai ser a de máis nivel, con tódalas mulleres que aspiran a representarnos nos Xogos Olímpicos”.

Antonio Serrat considera que “un Campionato de España en Pontevedra sempre é especial” e que “este ano será aínda máis especial por ser a primeira proba que se celebra”. “Esperemos darlle ao público moito espectáculo por televisión e acadar un bo resultado”, apuntou.