O marketplace ‘E-Ponte.com’ integrará no seu portal de comercio online á plataforma Ponte Abastos

88
  • O marketplace impulsado por Promoción Económica conta con máis de 80 empresas rexistradas e xa pechou acordos con Abanca e Correos para xestionar os pagos e reparti-los produtos

O portal de comercio online de Pontevedra ‘E-Ponte.com‘, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, continúa a fortalecer os seus ‘mimbres’ para converterse nun marketplace de referencia para consumidores e establecementos comerciais do municipio. Ao tempo que organiza e desenvolve formacións virtuais e presenciais sobre o uso de ferramentas para dixitalizar a xestión administrativa das empresas, o e-comerce busca potenciar sinerxías coa nova plataforma ‘PonteAbastos.com‘, á que quere integrar no seu seo para optimizar a visibilidade e a xestión das vendas dos produtos do Mercado de Abastos.

Aínda que os detalles da colaboración están por pecharse, a proposta resulta “moi interesante” para os dous portais, tal e como constatan o responsable de Ponte Abastos, Jorge Eyo, e maila concelleira Yoya Blanco, promotora de ámbalas iniciativas. “Estamos vendo como se fará, pero farase”, confirma Eyo.

A edil de Promoción Económica amósase “tremendamente satisfeita” coa evolución do sitio web ‘E-Ponte.com‘, nado durante o confinamento e que xa conta con máis de 80 empresas rexistradas. Segundo indica a concelleira do PSOE, o seu departamento vén de pechar acordos coa entidade bancaria Abanca para a xestión da plataforma de pagamentos e con Correos para o servizo de reparto dos produtos.

“Agora mesmo, estamos entrando nunha segunda fase, na que ofrecemos formacións online e presenciais a comerciantes/as, emprendedores/as e empresarios pontevedreses, co obxectivo de fomentar o uso do marketplace ‘E-Ponte.com‘ e das novas tecnoloxías como elementos diferenciadores para o progreso e desenvolvemento dos seus negocios”, apunta Yoya Blanco.

Por este motivo, convida a tódalas empresas a inscribirse de xeito gratuíto no portal ‘https://www.e-ponte.com/’, na opción ‘Rexistrarse’, “para que dispoñan dun sitio que lles facilite o comercio electrónico e recibir un conxunto de ferramentas para dixitalizar a súa xestión administrativa, de promoción e atención dos clientes”. Asemade, aqueles comercios e empresas rexistrados no portal poden proceder a cumprimentar os datos que faltan, incluír un logo e fotos do seu negocio e crear produtos para poder dalos de alta cando a aplicación estea totalmente operativa.

De cara á celebración de novas xornadas formativas sobre o xeito de funcionamento da plataforma, a Concellería de Promoción Económica puxo a disposición dos interesados o email ‘soporte@e-ponte.com‘, ao que deben escribir indicando o día e hora que mellor se adapte a súa dispoñibilidade.