O Concello asume as obras necesarias para a reapertura do consultorio de Ponte Sampaio

24
  • Trátase dunha pequena obra, cuxa duración se estima en 15 días, para abrir unha segunda porta e instalar unha separación na sala de espera
  • Técnicos do Concello, do SERGAS e da empresa procederán  mañá a fixar tecnicamente as obras

A portavoz do Goberno municipal, Carme da Silva anunciou esta mañá que o Concello asume o financiamento e a execución das obras necesarias para a reapertura do consultorio de Ponte Sampaio. Trátase dunha pequena obra, cuxa duración se estima en 15 días, enfocada a abrir unha segunda porta para propiciar fluxos de circulación e instalar unha mampara de separación na sala de espera. A obra para abrir a segunda porta implica converter unha xanela xa existente en porta e acondicionar esa entrada.

A concelleira tamén informou que mañá, martes 25 de agosto, técnicos do Concello, do SERGAS, e da empresa procederán a fixar tecnicamente as obras, procedendo ás medicións e demais determinacións técnicas.

Esta decisión chega despois dunha visita con responsabeis do SERGAS, membros do Goberno municipal e unha técnica do Concello, na que se optou pola adaptación do consultorio actual. Unha adaptación que segundo afirmou Carme da Sila “xa puido estar feita antes se non tivese interferio do PP local”. 

Da Silva, lembrou que o Concello manifestou, desde o inicio, a súa dispoñibilidade para facilitarlle ao SERGAS emprazamentos que permitisen a inmediata posta en funcionamento da totalidade das prestacións sanitarias no consultorio de Ponte Sampaio, así como a súa total colaboración para a execución urxente destas obras, mesmo co financiamento das mesmas. 

Co obxectivo de recuperar o antes posible o funcionamento do consultorio e mellorar a prestación sanitaria nas parroquias ás que dá servizo, o Concello tramitará estas obras polo prodecemento de emerxencia como consecuencia do protocolo COVID.