O Concello organizará unha mostra coas obras gráficas creadas nas actividades da programación de verán

6
  • Graffitis, ilustracións e viñetas de artistas que participaron na programación ‘Pontevedra Vívese’ reuniranse nunha exposición e despois distribuiranse polos centros sociais do Concello
  • Durante os meses de xullo e agosto pasaron por Pontevedra máis de 200 artistas e compañías no marco desta programación 

A concelleira de Festas, Carme da Silva anunciou esta mañá que o Concello está a preparar unha exposición con todas as obras creadas no marco das actividades da programación de verán ‘Pontevedra Vívese’. Trátase de graffitis, ilustracións e viñetas que foron creadas en directo en actividades e ciclos que aunaron música e arte en varios dos escenarios repartidos pola cidade e polos barrios durante estes dous meses.

Tras a exposición estas obras quedarán en posesión do Concello, o que en palabras de Carme da Silva “é unha sorte porque con todas estas actividades fixemos un bo fondo de artistas galegos moi importantes e, algúns deles, moi vangardistas e moi coñecidos”. Tras a exposición, as obras distribuiranse polos distintos centros sociais do Concello como “recordo do que foi este verán e dunhas festas nas que os barrios tiveron un protagonismo especial”.

A programación ‘Pontevedra Vívese’ rematou onte coa Festa do Demo, contabilizando ao redor de 300 actividades que achegaron a Pontevedra a máis de 200 artistas e compañías, tanto de forma independente como agrupadas en distintos programas. Esta programación supuxo ademais a tramitación de 133 contratos administrativos, correspondentes tanto á parte artística (artistas e compañías) como técnica (empresas de control de aforos, de seguridade,  valados, desinfeccións, son e iluminación).

Neste sentido, Carme da Silva como responsable de Festas quixo agradecerlle “ao servizo de Festas e aos servizos de Contratación, Intervención e Secretaría todo o seu esforzo por preparar toda esta programación nun tempo tan reducido e tramitar 133 contratos nun prazo tan pequeno e en situación de confinamento e teletraballando”. Tamén felicitou “á xente de Pontevedra pola súa responsabilidade e por demostrar que se pode facer toda unha programación moi ampla no verán mantendo as condicións de seguridade e sanitarias necesarias”.