O Concello suspende a Feira Franca ante a evolución negativa da situación epidemiolóxica

26
  • Desde o Servizo de Festas visitaranse os locais de hostalería para informalos desta decisión e lembrarlles que poden realizar a súa actividade de acordo coas normas sanitarias vixentes

“Somos conscientes de que a situación epidemiolóxica é mala e por responsabilidade, e para que non haxa ningún tipo de confusión, decidimos suspender a Feira Franca”, así o anunciaba a concelleira de Festas, Carme da Silva quen asegurou que esta decisión se toma para “evitar confusión e que a xente non pense que vai ser un sábado de festa nas prazas e nas rúas”. 

Tamén anunciou que, a partir de hoxe, unha persoa  do Servizo de Festas e vai proceder a visitar os locais de hostalería do ámbito da Feira Francas para informalos desta decisión e lembrarlles que poden realizar a súa actividade como calquera día normal e atendendo ás normas sanitarias vixentes. “Os locais de hostalería funcionarán coas autorizacións que teñen e nas condicións normais de calquera outro sábado de verán ou coas que estean vixentes ese día, porque segundo a evolución da situación a autoridade sanitaria competente pode adoptar outras medidas que serán as que van rexir nese momento” asegurou.

Esta “decisión dolorosa”, en palabras da propia concelleira, afecta aos actos e actividades que o Concello tiña previsto realizar, que nesta ocasión eran practicamente “simbólicos”, como a decoración da cidade, o cartel e pasarrúas.