Desenvolvemento Sostible xa estuda a fórmula xurídica da cesión dos xardíns do centro asociado da Uned tras recibir luz verde da Xunta Reitora

55
  • O acordo, aprobado por unanimidade, foi ratificado o 31 de xullo, abrindo a porta para que o Concello lle remita á Uned un borrador de convenio cos termos e condicións da cesión de uso do parque
  • Iván Puentes explica que os Servizos Xurídicos municipais están a analizar “a ‘receita’ máis acaída para abrir os xardíns á veciñanza por un tempo que permita amortizar o investimento do proxecto”

Despois de que a Xunta Reitora da Uned aprobase por unanimidade a cesión do parque do centro asociado de Monte Porreiro o pasado 22 de xullo e ratificase dito acordo o 31 de xullo, os Servizos Xurídicos do Concello e o Servizo de Parques e Xardíns xa están a estudar a fórmula legal máis axeitada para materializar este traspaso, que permitirá abrir os xardíns á veciñanza e integralos no Miradoiro e o conxunto do barrio. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, constata que, unha vez que o acordo ten carácter firme, “o seguinte paso consiste en remitirlle á dirección da Uned unha proposta de convenio cos termos e condicións da cesión, tentando que sexa polo maior tempo posible e, en todo caso, por un tempo que amortice o investimento que se vai efectuar, obviamente con vocación de permanencia”.

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, asinou a finais do ano pasado a solicitude de Puentes para acadar a cesión de uso do parque da Uned, como primeiro paso formal en firme adoptado para facer realidade o proxecto de apertura destes valiosos xardíns ao uso e desfrute da cidadanía, e en especial para os veciños do barrio. No mesmo, solicitábase ao Patronato da Universidade a Distancia en Pontevedra “unha cesión de uso ou a fórmula xurídica que a Uned atope máis axeitada”, que permitan iniciar os trámites administrativos dirixidos a materializar unha apertura e mellora do parque, co fin de posibilitar o seu uso pleno pola veciñanza, así como para unha óptima conservación e mantemento desta zona verde.

Segundo sinala o edil de Desenvolvemento Sostible, “a Asesoría Xurídica e o xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manolo Fontán, están a traballar para darlle forma ao borrador do convenio, que fará posible a rexeneración e integración no barrio duns xardíns de enorme valor paisaxístico, con exemplares arbóreos centenarios”. 

Nova entrada á altura do Froiz da rúa Italia

O proxecto que está a deseñar o departamento que dirixe Iván Puentes prevé que o parque da Uned poida ser visitado polos veciños a través da entrada existente cara á zona do aparcadoiro, así como a creación dun novo acceso na área máis próxima á urbanización, á altura do Froiz da rúa Italia. O plan da Concellería de Desenvolvemento Sostible plantexa optimizar a comunicación interna dos xardíns cunha rede de sendas peonís e dotar ás chamativas especies exóticas coas que conta o parque dunha axeitada sinaléctica.

“Pretendemos integrar esta fermosa zona verde coa do Miradoiro de Monte Porreiro, xerando un espazo que ofrecerá enormes posibilidades dende o punto de vista didáctico e da educación ambiental”, avanza o concelleiro socialista.