A campaña ‘Volta ao Cole’ repartirá 40 premios rasca por valor de 75 € para investir no pequeno comercio da cidade

280
  • Yoya Blanco convida a tódalas familias “a poñer o seu grao de area para que os nenos non perdan a ilusión do regreso ás aulas e para apoiar ao comercio de proximidade neste ano tan difícil”

“Non imos permitir baixo ningún concepto que os máis pequenos e as súas familias perdan a ilusión da volta ao cole e, moito menos, a deixar de apoiar e acompañar ao comercio de proximidade nunha campaña tan importante para eles”. Con este claro obxectivo de ‘normalizar’ ao máximo o regreso ás aulas e de incentivar o consumo local “neste ano tan difícil” presentaron hoxe na Praza de España a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, acompañada pola responsable da firma Pontevedra Digital, Marga Caeiro, unha nova edición do programa municipal ‘Volta ao Cole’, orientado a mellorar a competitividade dos pequenos negocios a través da súa promoción e visibilidade e da posibilidade dos clientes de obter bonos de regalo para as compras de inicio de curso.

Ademais de incrementar o atractivo dos establecementos mediante escaparates cunha cartelería común e a través dunha potente difusión en redes sociais e medios de comunicación, a iniciativa da plataforma #PonteLovers distribuirá 40 bonos por valor de 75 euros cada un entre os clientes que adquiran produtos (xa se trate de material escolar, libros, roupa…) nos comercios adheridos á campaña. Tal e como indicou Yoya Blanco, “nesta edición, en lugar de realizar un sorteo dos vales, imos optar por un sistema de ‘rasca e gaña’ dotado dunha achega de 3.000 euros, con bonos que poderán ser trocados en calquera dos establecementos participantes”.

A concelleira socialista explicou que o programa “está destinado ao comercio local con venda a pé de rúa en xeral”, apostando “non só polos sectores vencellados directamente coa volta ao colexio, senón por calquera tipo de pequeno negocio que queira sumarse”.

“Quedan excluídas desta campaña de dinamización e promoción, obviamente as grandes cadeas ou franquías, os profesionais da perruquería e da estética, as farmacias, os supermercados, as froiterías e tendas de alimentación en xeral, a hostalería e a restauración, as empresas de servizos e todos aqueles negocios que non se dediquen á venda de produtos”, aclarou a edil de Promoción Económica e impulsora de #PonteLovers.

O listado dos establecementos publicarase na web do Concello

Marga Caeiro asegurou que a campaña ‘Volta ao Cole’ suporá “unha ‘bocanada’ de aire para moitos pequenos comercios de Pontevedra, tanto do centro urbano como dos barrios, nun momento crucial, que o é aínda máis neste ano”. Segundo precisou, a iniciativa “estará activa dende o día 1 ata o día 19 de setembro” e a páxina web do Concello de Pontevedra (https://www.pontevedra.gal) publicará o listado dos establecementos comerciais participantes.

Yoya Blanco convidou a tódalas familias “a poñer o seu grao de area para que os nosos nenos non perdan a ilusión do regreso ás aulas e para apoiar, agora máis que nunca, nesta situación de incerteza, aos negocios de proximidade, nunha campaña de volta ao cole que pode resultar vital para moitos”.