Xornadas en Londres, Poznán, Carcavelos, Madrid e Jaén, próximas citas para o modelo Pontevedra

19
  • A mobilidade sustentable, a seguridade vial, o deseño urbano e a planificación das cidades tras a crise sanitaria, centran o interese de diversas Administracións e entidades en relación ao modelo pontevedrés

Pontevedra e o seu modelo de deseño urbano e mobilidade sustentable seguen espertando o interese de distintas Administracións e entidades, tanto estatais como internacionais, que promoven o debate e a reflexión crítica sobre o futuro da planificación urbana e da mobilidade, en moitos dos casos atendendo ás novas necesidades xeradas tras a aparición da Covid-19. 

As primeiras citas terán lugar en Jaén e Madrid no marco de xornadas organizadas con motivo da Semana Europea da Mobilidade. Así, o 17 de setembro en Madrid e baixo a organización do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, Pontevedra participará nunha mesa redonda titulada ‘Compartindo experiencias exitosas’, en relación á mobilidade sen emisións. A participación será vía telemática, entre as 12:20h e as 13h, e Pontevedra compartirá quenda con Castelló de la Plana e Quart de Poblet. 

Mentres, a xornada de Jaén, prevista para o 16 de setembro, será presencial e está organizada pola Diputación Provincial de Jaén, a través do Grupo de Trabajo para la Movilidad Sostenible. Esta xornada terá como eixo central a mobilidade en contornas educativas, polo que convidan a Pontevedra para que expoña o traballo que xa ten realizado neste eido. Desde a Diputación Provincial de Jaén fan fincapé en que están traballando neste campo en colaboración con concellos, centros educativos, AMPAs, delegacións da Junta de Andalucía e a Jefatura Provincial de Tráfico e procuran experiencias prácticas e contrastadas.

Tamén no mes de setembro, o día 23, está prevista a participación na xornada ‘Creando Comunidades: máis aló da pandemia’, organizada en Londres polas entidades especializadas en deseño urbano Create Streets e Onward e que se emitirá a través da plataforma virtural ‘Run the World’. A quenda na que participa Pontevedra terá lugar ás 10:35 e leva por título ‘Creación de lugares a raíz da pandemia: como as cidades de todo o mundo abordan a recuperación’. A presenza de Pontevedra neste foro responde, segundo indica a organización no seu convite “ao seu liderado na redefinición de como interactuamos cos nosos espazos públicos, o que consolida a Pontevedra como unha referencia para moitas cidades importanes que agora buscan replicar tales políticas, 20 anos despois”.

Xa no mes de outubro, as xornadas terán lugar na localidade portuguesa de Carcavelos e na cidade polaca de Poznán. Así, o día 9 de outubro Pontevedra intervirá no Portugal Mobi Summit que terá lugar na Nova School of Business and Economics da Universidade de Lisboa (sede situada en Carcavelos). O tema xeral será ‘Mobilidade nun mundo en mudanza’ centrándoo nos cambios xurdidos tras a aparición da Covid-19 e do confinamento, e en como inflúen na forma de moverse e traballar nos ecosistemas urbanos. O panel de debate ao que está convidado Pontevedra terá lugar ás 16:45 e compartirá quenda co concelleiro de Mobilidade de Lisboa, Miguel Gaspar, co profesor da Facultade de Arquitectura da Universidade de Lisboa, David Vale, e co xerente de desenvolvemento comercial do CEiiA, Rui Rei.

O Concello de Poznán, pola súa banda, celebrará o cuarto Foro de Desenvolvemento da Cidade os días 21 e 22 de outubro e quere contar coa presenza de Pontevedra tras gañar o primeiro Premio de Seguridade Vial Urbana da UE. Segundo explican desde a organización a idea “é coñecer a súa política e solucións no ámbito da cidade segura e sen accidentes” no marco dunha plataforma para o diálogo entre residentes, gobernos locais, científicos e representantes de empresas. Explican, ademais, que buscan inspiración convidando a relatores e participantes de Polonia e do estranxeiro para o intercambio de coñecementos e exemplos de boas prácticas.