A limpeza e desinfección dos 40 parques infantís urbanos de Pontevedra supón sete horas de traballo de tres brigadas cada noite e 15.000 euros ao mes

27
  • O concelleiro Iván Puentes asegura que as tarefas de desinfección con hipoclorito, realizadas pola empresa especializada Garocaprim SL, “manteranse nos vindeiros meses, ata que non mellore a situación”

Tódalas noites, entre as 00:00 e as 7:00 horas, tres brigadas de dous homes cada unha, pertencentes á empresa especializada Garocaprim SL, traballan arreo para que as nenas e nenos de Pontevedra poidan desfrutar dos 40 parques infantís do casco urbano nas mellores condicións hixiénico-sanitarias dende primeira hora da mañá. Son sete horas de tarefas de limpeza e desinfección diarias, desenvolvidas de luns a domingo, que permiten que o noso Concello sexa un dos poucos que cumpra ao pé da letra coa estrita normativa imposta pola Xunta e que supoñen un investimento extra de 15.000 euros mensuais por parte da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.

Segundo explica o edil responsable da área, o socialista Iván Puentes, “os traballos de desinfección lévanse a cabo aplicando hipoclorito mediante un depósito a presión e unha motobomba, de xeito que se poida chegar a tódolos recunchos e puntos de contacto, tanto dos xogos como do pavimento e o valado perimetral”. “Dado o elevado número de parques infantís que temos na zona urbana de Pontevedra, uns 40, os operarios de Garocaprim estanse movendo durante toda a noite, de xeito que se poida gardar o tempo de seguridade necesario para que os distintos elementos estean totalmente secos e en perfectas condicións de uso para os rapaces que cheguen a utilizalos a primeira hora da mañá”, subliña o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.

Puentes constata que o desembolso económico que o Concello está a realizar nos parques do rural “tamén se sitúa nos 15.000 euros mensuais, xa que, malia que hai menos zonas de xogo, os traballadores teñen que efectuar un maior quilometraxe”, polo que a cifra global que se está a investir en Pontevedra “é de 30.000 euros ao mes”. Non obstante, a estas medidas de desinfección e limpeza hai que engadir tamén o esforzo municipal por instalar, á entrada dos parques, dispensadores de xel (moitos deles automáticos) e sinalizacións específicas coa imaxe do loro Ravachol nas que se especifican as normas de uso e aforo.

Iván Puentes asegura que “as nais e pais de Pontevedra poden estar ben tranquil@s, xa que levan aos seus fillos a xogar aos parques infantís máis desinfectados e seguros de Galicia” e avanza que “todas estas accións vanse manter durante os vindeiros meses, ata que mellore a situación motivada pola Covid-19”.