Os profesionais da perruquería e a estética daranse cita na Praza de Ourense o sábado 26 de setembro nunha nova edición do salón ‘Rizando o Rizo’

262
  • A actividade, impulsada pola asociación provincial Máis que Cabelos e a Concellería de Promoción Económica a través da plataforma #PonteLovers, contará con dez stands e servizos especializados
  • A concelleira Yoya Blanco asegura que o evento “servirá para dar visibilidade a grandes profesionais e negocios que souberon innovar e adaptarse ás novas demandas da nosa sociedade”

Unha decena de stands con servizos de perruquería, estética, maquillaxe, barbería, peitados e recollidos ou depilación con fío conformarán a proposta de profesionais do sector que o sábado 26 de setembro se darán cita na Praza de Ourense para participar nunha nova edición do salón da perruquería e a estética ‘Rizando o Rizo’, impulsado pola asociación provincial Máis que Cabelos e a Concellería de Promoción Económica e Turismo a través da plataforma #PonteLovers. Unha proposta adaptada á Covid-19, con estritas medidas de seguridade e sen a pasarela da anterior edición, pero cun novo concepto baseado na especialización e a calidade que permitirá percorrer o diverso abano de que ofrece a profesión, dende os traballos habituais dunha perruquería até os servizos máis especializados.

O evento foi presentado esta mañá na propia Praza de Ourense pola presidenta do colectivo Máis que Cabelos, Beatriz Pintos; a responsable da firma Pontevedra Digital, Marga Caeiro, e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, quen asegurou que o salón ‘Rizando o Rizo’ “amósanos que, coas axeitadas medidas de seguridade, todo é aínda posible no mundo da perruquería e a estética”. Tal e como subliñou, os stands, que poderán visitarse entre as 17:00 e as 21:00 horas, servirán “para dar visibilidade a grandes profesionais e negocios que souberon innovar e adaptarse ás novas demandas da nosa sociedade, dentro dun sector que a moitos lles parecía prescindible, pero que nesta pandemia do coronavirus deixou ben clara a súa importancia e utilidade social, máis aló  da estética, dende un primeiro momento”.

“Nesta ocasión -afirmou Blanco- non teremos a oportunidade de presentar traballos espectaculares nunha pasarela, pero si poderemos exhibilos nalgunha das dez casetas, que terán unha imaxe moi coidada e que converterán a Praza de Ourense nun maxi-salón de presentación dos servizos de perruquería e estética de Pontevedra”.

Deseño de cellas, estudos capilares e confección de perrucas

A presidenta de Máis que Cabelos (asociación da que forman parte firmas como Innovat, New Style, Peluquería Paz, Rizo Belle ou Juan Carlos Barber, que estarán presentes no evento) explicou que a lista de expositores aínda non está pechada e que agardan contar “con postos que representen ámbitos como o dos estudos capilares, as nenas e nenos, a confección de perrucas, o tratamento de unllas, o deseño de cellas para aquelas persoas que as perderon por problemas de saúde…”. “Buscaremos un ‘Rizando o Rizo’ que expoña a enorme diversidade de facetas que hai dentro deste sector e, aínda que non haxa pasarela, este ano, a diferencia do anterior, os clientes si poderán solicitar os servizos nos stands”, avanzou Beatriz Pintos.