Benestar Social estrea este ano un convenio de colaboración co colectivo Manaia para financiar un programa de apoio a familias adoptantes

51
  • Tino Fernández constata que o acordo coa Asociación Galega de Adopción e Acollemento será aprobado o luns en Xunta de Goberno e traducirase nunha subvención anual de 2.240 €
  • O tenente de alcalde lembra que “en Galicia existen actualmente máis de 1.000 familias en trámites de poder ser adoptantes e que deben afrontar diversas problemáticas de orde xurídica e social”

A Concellería de Benestar Social está a piques de asinar o seu primeiro convenio de colaboración coa Asociación Galega de Adopción e Acollemento (Manaia) para o financiamento dun programa de actividades encamiñadas a dar resposta ás necesidades e problemáticas sociais das familias adoptantes. O acordo co colectivo que preside Tania Lago será levado o luns a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación e traducirase nunha subvención anual de 2.240 euros por parte do Concello de Pontevedra.

Tal e como constata o tenente de alcalde e concelleiro responsable da área de Benestar Social (de xeito transitorio até que Marcos Rey se incorpore), Tino Fernández, “en Galicia existen actualmente máis de 1.000 familias en trámites de poder ser adoptantes, un bo número delas na comarca de Pontevedra, e trátase dunha situación que segue en continuo crecemento”. “Esta demanda de adopcións -sinala o edil socialista- leva aparellada un incremento da problemática xurídica e social de dito proceso, o que levou ao Concello a impulsar un acordo de colaboración que é tan necesario como novidoso”.

En base a este convenio, a asociación Manaia, que vén realizando a súa actividade de apoio ás familias adoptantes dende 2006, desenvolverá en Pontevedra un programa composto por ‘Obradoiros de Familias’ (11 obradoiros moderados por profesionais na materia en sesións de dúas horas) e ‘Encontros Familiares’ (durante dous sábados, cunha duración mínima de catro horas, facilitarase asesoramento ás familias acolledoras a través de profesionais especializados). Os obxectivos destas actividades son os de facilitar ás familias adoptantes todo tipo de información, apoio e asesoramento sobre o proceso de adopción; fomentar os contactos entre as familias e organizar encontros; traballar na mellora do proceso de adopción; contribuír a difundir na sociedade unha imaxe axeitada da adopción e da súa problemática social, e promover a convivencia multicultural dos nen@s adoptad@s e as súas familias.

Segundo sinala Tino Fernández, o colectivo Manaia “manterá unha liña de colaboración e coordinación cos Servizos Sociais municipais, así como cos demais dispositivos da área de Benestar Social do Concello”.