Benestar Social destina 9.000 euros a renovar o convenio de colaboración anual con Down Xuntos

18
  • O acordo será aprobado este luns en Xunta de Goberno Local e permitirá desenvolver un programa de inclusión educativa e promoción da autonomía das persoas con Síndrome de Down

A Xunta de Goberno Local que se celebrará mañá inclúe na súa orde do día a aprobación do convenio anual de colaboración entre a Concellería de Benestar Social e a asociación Pontevedra Down Xuntos para o desenvolvemento do seu programa de inclusión educativa e promoción da autonomía das persoas con Síndrome de Down. A renovación do acordo co colectivo que preside Manuel Pérez Cabo, que o Concello capitalino leva asinando anualmente dende 2013, verase concretada nunha subvención de 9.000 euros e permitirá realizar diversas actividades destinadas a mellorar as competencias e capacidades de persoas cunha idade comprendida entre os 3 e os 21 anos, que están dentro do sistema educativo regrado.

O tenente de alcalde e responsable accidental da área de Benestar Social, Tino Fernández, salienta “a fundamental función social que Down Xuntos efectúa neste concello, onde segundo os datos que obran nos rexistros dos Servizos Sociais municipais, existe un importante número de persoas con Síndrome de Down que requiren servizos de apoio para a mellora da súa calidade de vida, co obxectivo de favorecer a súa inclusión en tódolos ámbitos: escolar, familiar, social, laboral…”. “Esta asociación é recoñecida no ámbito territorial de Pontevedra e a súa área de influencia dende comezos dos anos 90. En 2019 prestóuselle apoio a 144 alumnas e alumnos, así como a profesorado de 108 centros educativos, grazas a este programa”, constata o edil socialista.

O devandito programa educativo ten como obxectivos específicos motivar e favorecer a adquisición da lectura; comprender as instrucións escritas, acadar un mellor desenvolvemento da psicomotricidade fina, favorecer a adquisición das aprendizaxes lóxico-matemáticas necesarias para a vida cotiá e elevar a autoestima do usuario/a e a motivación pola aprendizaxe. Para iso, estruturarase en dúas partes: un Programa de Logopedia, destinado a fomentar a comunicación das persoas con Síndrome de Down, acadar unha estruturación lóxica da súa linguaxe e obter unha produción articulatoria o máis normalizada posible; e un Programa de Apoio Educativo, co que se pretende axudar aos usuarios/as, ás súas familias e aos centros escolares coa finalidade de favorecer a inclusión educativa.

O traballo enfócase fundamentalmente ao reforzo das aprendizaxes instrumentais básicas (lectura, escritura e cálculo), xunto co progresivo desenvolvemento do razoamento lóxico e a constante mellora da autoestima.

Medios materiais e humanos

A asociación Down Xuntos dispón dunha sede situada no número 41 da rúa do Gorgullón e dotada, entre outros recursos, de sistemas de música e equipos informáticos; retroproxector e pantallas dixitais; diverso material didáctico de axuda ao ensino e á estimulación, crebacabezas e encaixes, fichas gráficas e material recortable; sistemas PEC (Comunicación por Intercambio de Imaxes); televisión, vídeo e DVD, e unha aula de espellos. O persoal do centro está composto por unha coordinadora, unha educadora/monitora, unha persoa de apoio e un profesional de xestión administrativa, así como por voluntarios que colaborarán nos labores complementarios.