Catro empresas presentan ofertas para a actualización do catálogo de edificacións e bens a conservar

19
  • O orzamento de licitación deste contrato ascende a 45.980 euros e o prazo de execución dos traballos é de 15 meses

A revisión da actualización do Catálogo de edificacións e elementos a conservar da cidade e do rural de Pontevedra, cuxos pregos de contratación contemplan un orzamento de 45.980 euros e un prazo de execución de 15 meses, recibiu ofertas de catro empresas:

  • Seteoitavas S. Coop. Galega
  • Cartafol. Arc (UTE)
  • Dessa Urbanismo, SLNE
  • Carsan SCP Arquitectura y Gestión (UTE)

A revisión e actualización do Catálogo de edificacións e bens a conservar implica a identificación dos elementos que sexan susceptibles de conservar, mellorar ou recuperar atendendo á súa singularidade, características e valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos, arqueolóxicos e paisaxísticos. Convén lembrar que o catálogo actualmente en vigor fora aprobado en 1994, polo que a actualización ademais de incluír novos elementos tamén se fai necesaria para adaptalo á nova normativa aprobada con posterioridade a esa época.  

Así, o novo catálogo deberá incluír a listaxe de elementos de interese cultural recollidos pola Consellaría de Cultura, introducir os elementos de arquitectura contemporánea e de patrimonio industrial, os muros tradicionais (a súa conservación vén recollida na Lei do Solo de 2016), e revisar cada un dos elementos do catálogo vixente, así como os tipos de intervencións autorizables ou permitidas e os niveis de protección segundo a normativa vixente en materia de patrimonio cultural.

O traballo deberá conter unha listaxe de todos os elementos catalogados, organizados por núcleos e parroquias, a xustificación dos criterios de catalogación seguidos e do proceso de obtención da información, planos de información e situación, unha ficha individualizada de cada elemento catalogado coa descrición gráfica das súas características construtivas e estado de conservación, e as determinacións para a súa conservación, rehabilitación, mellora ou recuperación.