Comezan os traballos para completar o primeiro tramo da reforma de Loureiro Crespo

19
  • A partires do luns cortarase o tráfico en travesía da Eiriña e no tramo de Loureiro Crespo entre Casimiro Gómez e Doce de Novembro

Na planificación das obras de reforma de Loureiro Crespo está previsto que, a partires do luns 31 de agosto, comecen os traballos de reposición e conexión de servizos soterrados na marxe esquerda (dirección saída da cidade) do treito que chega ata a rúa Doce de Novembro, toda vez que na marxe dereita xa se concluíron. Precisamente, estas obras de reforma comezaran no lado dereito deste tramo coa demolición do pavimento e a instalación dos novos servizos, o que implicara tamén o traslado da parada de taxis para Cobián Areal. Na actualidade, na marxe dereita xa está instalado o novo pavimento na beirrarúa que conta cun novo largo e novas zonas de estacionamento.

Para iniciar o mesmo proceso na marxe esquerda, entre o luns e o mércores cortarase o tráfico no treito de Loureiro Crespo que vai entre Casimiro Gómez e Doce de Novembro e tamén na Travesía de Eiriña. Na travesía de Eiriña permitirase a entrada e saída a garaxes desde a rúa Joaquín Costa. 

As obras de reforma de Loureiro Crespo e do barrio do Castañal deran inicio a finais de abril. Considerada unha das intervencións máis ambiciosas das proxectadas na cidade, conta cun orzamento de preto de 3 millóns de euros para a actuación completa e cun prazo de execución de 11 meses. O obxectivo é estender os estándares de calidade urbana propios do Modelo Pontevedra a unha das entradas da cidade, e que comprende as rúas Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e a praza das Regas, ademais da propia Loureiro Crespo. Implica a renovación da pavimentación e o largo das beirarrúas en varios puntos, ao tempo que inclúe a renovación de todos os servizos, a instalación de nova iluminación, novo mobiliario urbano, e a plantación de novas árbores en algúns dos treitos.