O Concello inviste preto de 200.000 euros en elevar a rasante dos colectores da galería de servizos

24
  • Os traballos, que é necesario realizar con buzos, terán unha duración de 3 meses

O Concello, a través da empresa concesionaria do sevizo de auga, Viaqua, está realizando unha obra de mellora na galería de servizos, que consiste en suplementar os colectores de saneamento ata a rasante da calzada.

Anunciouno esta mañá a concelleira responsable do Ciclo da Auga e portavoz do Goberno, Carme da Silva quen indicou que esta actuación terá unha duración de 3 meses e un investimento de 196.594,45 euros para os 15 colectores existentes. Da Silva explicou que “unha vez que estea rematada toda esta obra de levantar as rasantes, vai limitar o problema de filtracións que ten a galería dentro da rede de saneamento e, se hai algún problema dun atasco, serán accesibles con máis facilidade como en calquera outro punto da cidade”.

Así, estes traballos, que é necesario realizar con buzos, teñen por obxectivo elevar a rasante destes pozos para evitar, dunha banda, calquera filtración de auga por mor das subidas da marea e, doutra, facilitar os traballos e a entrada de maquinaria cando hai que proceder a desatascar algún dos colectores. Deste xeito, as tapas dos colectores quedarán ao nivel da calzada pola que discorre a galería de servizos, o que impide que entre auga no interior e fai máis doado calquera tipo de traballo desde o exterior, sen necesidade de descender á galería de servizos. Na actualidade, esta actuación xa se rematou en 4 dos 15 colectores.