Tino Fernández saca adiante o expediente das subvencións deportivas de 2019 e agarda que poidan comezar a aboarse aos clubs en novembro

114
  • Coa aprobación destas axudas en Xunta de Goberno Local, o concelleiro de Deportes logra mobilizar neste primeiro ano de mandato 1,3 millóns de euros para os equipos de Pontevedra
  • O edil lembra que, ademais de desbloquear o pago de tres anualidades atrasadas, o seu departamento xa se puxo ao día coas axudas das EDM, incrementándoas este ano en 108.000 €

Cando se cumpre pouco máis dun ano dende que se puxo ao mando da Concellería de Deportes, o edil socialista Tino Fernández, está a piques de cumprir cun dos principais obxectivos que se marcou para este mandato: lograr que o Concello se poña ao día no pagamento das subvencións ao clubs deportivos de Pontevedra. Despois de que a Xunta de Goberno Local procedese esta mañá á súa aprobación, o tenente de alcalde vén de sacar adiante o expediente das axudas anuais de 2019 cunha achega de 300.000 €, co obxectivo de que poidan estar nas contas bancarias dos equipos “entre o mes novembro e principios do de decembro, sempre que os clubs axilicen a presentación da correspondente documentación”.

Deste xeito, o Servizo Municipal de Deportes tería completado neste período a tramitación de tres anualidades que viñan ‘atragantadas’ do anterior mandato, polo que só quedaría unha pendente (a de 2020) para poñerse completamente ao día. En todo caso, tal e como subliñou Tino Fernández, o esforzo do seu departamento traduciuse, entre subvencións anuais, axudas para as Escolas Deportivas Municipais (EDM) e subvencións nominais, na mobilización de 1,3 millóns de euros para os equipos da cidade en algo máis dun ano: os 300.000 euros das axudas anuais de 2017 foron pagadas a finais de 2019 e un total de 968.844 euros foron aprobados para este ano.

Aos 900.000 euros das subvencións anuais, das que se benefician máis de 60 clubs (63 presentáronse ás de 2018), hai que sumarlles o pago das EDM do período 2018-2019 (142.000 €) e a apertura do procedemento para aboar as de 2019-2020 (250.000 €), cuxas propostas están pendentes de valoración previa á súa aprobación provisional e pagamento. “Ademais de poñernos totalmente ao día coas axudas das EDM, este ano incrementamos en 108.000 euros a súa contía e introducimos unha cláusula Covid-19: imos pagalas integramente a pesares de que non se están a desenvolver dende marzo. No que atinxe ás subvencións nominais, destinamos case 12.000 euros á Sociedade Ximnástica (polo medio maratón), o Mace Sport (polo Open Internacional Cidade de Pontevedra) e o CN Galaico (programa de promoción da natación). Outros 8.000 euros foron para os Campionatos Nacionais de Piragüismo”, constatou Tino Fernández.

O concelleiro do PSOE asegurou que “sen os clubs deportivos xamais lograriamos ter esa masa crítica que permite converter a Pontevedra nunha cidade volcada co deporte e sede dos eventos deportivos do máis alto nivel”, polo que “é unha satisfacción enorme poderlles botar unha man nestes momentos tan difíciles, nos que teñen que enfrontarse a unha xestión diferente por mor da Covid-19”. “Tentaremos facer todo o que poidamos -sinalou- para que non estean tan asfixiados”.

Estrea dunha APP que axiliza e sintetiza os trámites

O tenente de alcalde lembrou que o Servizo de Deportes puxo en funcionamento este ano unha nova aplicación informática “que permite axilizar e sintetizar os trámites para solicitar as subvencións e presentar a documentación e que facilita a inclusión de datos como o número de fichas, o número de inscrición de deporte base ou a quilometraxe que completan os equipos en concepto de desprazamentos (cuestións que forman parte da baremación para asignar as axudas)”.  

En relación ao inminente inicio da tempada de balonmán no Pavillón dos Deportes, Tino Fernández afirmou que “estamos preparados para ofrecer os servizos que nos sexan requiridos, pero hai novas tan contraditorias e unha nebulosa tan grande, na que a Asobal está descabezada sen presidente o CSD emitiu un borrador que esixía PCR aos xogadores, que non sabemos como se vai resolver e se vai ser posible comezar a competición”. “As instalacións están preparadas, pero a miña opinión persoal é que resulta un pouco precipitado. En Pontevedra estamos a manter unha postura de máxima prudencia e o tempo vennos a da-la razón… Aínda que ‘doctores tiene la Iglesia’”, matizou Fernández.

Neste mesmo sentido, o tenente de alcalde indicou que o Servizo de Deportes tamén está estudando se pon ou non en marcha de novo as EDM, “xa que parece un pouco incoherente que, para iniciar o curso, se vaian artellar burbullas escolares e, despois, xuntemos a facer deporte a rapaces de diferentes centros educativos”. A decisión, segundo avanzou, “debe basearse en todo caso en informes técnicos”.

O edil socialista indicou que o seu departamento seguirá tentando organizar eventos e fomentar a actividade física durante o mes de setembro, “estruturando pouco a pouco as competicións e tomando decisións co deporte base”.