A arte e o rock and roll regresan ao Mercado de Abastos cunha exposición de Javier de la Torre

95
  • A mostra, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, exhibirá retratos de artistas como Joan Jett, Rudi Protrudi, Debbie Harry, Joey Ramone ou Janis Joplin  

Unha decena de retratos de artistas do mundo do rock como Joan Jett, de The Runaways; Rudi Protrudi, de The Fuzztones; Debbie Harry, de Blondie; Joey Ramone, de Ramones, ou Janis Joplin, conformarán a exposición ‘Rock and Roll na Praza’, que acollerá o Mercado de Abastos de Pontevedra durante o mes de setembro. A mostra, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e realizada polo artista galaico leonés Javier de la Torre (máis coñecido na cidade como JT), será inaugurada este xoves día 3 ás 20:00 horas e poderá visitarse de xeito gratuíto na primeira planta do edificio da rúa Serra tanto polas mañás como polas tardes.

Os cadros que se exhibirán son o resultado da combinación de música e arte plástica que marcaron a carreira de Javier de la Torre (León, 1973), chegado a Pontevedra a principios dos 90 e alumno da terceira promoción de Belas Artes. Con máis de 15 anos de experiencia ás súas costas como DJ de rock, soul e funck en diversos locais da cidade (Xolda, Clan Cabaret e, actualmente, El Pequeño), nesta mostra exporanse retratos de artistas da escena do rock con vastas pinceladas e precisas liñas, mezclando o neoimpresionismo e o expresionismo para achegar unha nova visión das personaxes baseada na súa música e a súa personalidade.

Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económcia e Turismo, Yoya Blanco, este tipo de iniciativas “resultan de vital importancia para promover o Mercado de Abastos como un espazo de encontro, máis aló da gastronomía, e como motor de actividades culturais e artísticas que amplíen o abano de experiencias para os visitantes”.