Víctor Loira volve dar visibilidade ás Enfermidades Inflamatorias Intestinais ao enfrontarse ao seu primeiro tríatlon de longa distancia en Asturias

207
  • O deportista, vicepresidente de ASSEII, enfermo de Crohn e portador dunha bolsa de ostomía, participará no Ultra Tríatlon Terra Astur os vindeiros días 10, 11 e 12 de setembro
  • Yoya Blanco destaca a Loira como “un heroe” que “encarna a loita por amosar que o deporte non só non está rifado coa enfermidade, senón que resulta esencial para afrontala” 

No seu tenaz labor para dar visibilidade e concienciar á sociedade sobre patoloxías totalmente invisibles como a enfermidade de Crohn ou a colitis ulcerosa e as problemáticas das persoas ostomizadas e de amosar que enfermidade e deporte non están rifados, o deportista e vicepresidente da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASSEII), Víctor Loira, afrontará un ano máis un duro reto para o que requirirá tanto esforzo físico como fortaleza mental. Nesta ocasión, o vicepresidente de ASSEII, enfermo de Crohn e portador dunha bolsa de ostomía animouse a realizar o seu primeiro tríatlon de longa distancia en Asturias, o Ultra Tríatlon Terra Astur, os vindeiros días 10, 11 e 12 de setembro.

A participación de Loira nesta proba foi anunciada esta mañá nunha rolda de prensa na que estiveron presentes, ademais do propio deportista, a  presidenta de ASSEII, Ángela Paz, e aconcelleira de Turismo de Pontevedra, Yoya Blanco, quen calificou de “verdadeira honra” poder apoiar ao colectivo e “a un heroe como Víctor Loira” na consecución desta nova xesta. Tal e como apuntou a edil socialista, Loira “encarna como ninguén a loita por amosar que o deporte non só non está rifado coa enfermidade, que as persoas ostomizadas o poden facer, senón que resulta esencial para afrontala e mellorar o estado físico e anímico de aqueles que as padecen”.

Ángela Paz lembrou que, con este tipo de iniciativas, “o que se busca é facer visibles as discapacidades invisibles e que se invista en investigación, tratamentos biolóxicos e baños axeitados para persoas ostomizadas”. “Aínda que non se logre o reto, si que se logrará, xa que para nós é un éxito que unha persoa nestas condicións participe nun reto tan duro como este e permita visibilizar as Enfermidades Inflamatorias Intestinais. Asemade, faremos como sempre de embaixadores de Pontevedra, neste caso en Asturias”, subliñou a presidenta de ASSEII.

Un total de 504 quilómetros en tres días

O Ultra Tríatlon Terra Astur (UTTA) é unha proba de ultradistancia que se constrúe sobre o formato de ‘ultraman’, converténdose, se non na proba máis dura, nunha das máis esixentes que existen no Principado de Asturias. Segundo explicou Víctor Loira, este tríatlon, que se fundamenta na cultura do esforzo, o sacrificio e a superación persoal, así como na humildade, a constancia e a amizade, consta de tres etapas ao longo de tres días, nas que os participantes deberán percorrer un total de 504 quilómetros, dos que 10 serán a nado, 410 en bicicleta e 84’4 correndo. “Todo iso, nun máximo de 36 horas, 12 horas cada etapa”, matizou.

Loira, de 48 anos, será un dos 15 deportistas que este ano se atrevan coa proba (e o único participante con patoloxías), que se celebrará baixo un protocolo de prevención da Covid-19 “semellante ao que se desenvolveu para o Campionato de España de Tríatlon organizado en Pontevedra”. “Moita xente opina que esta proba é unha loucura e non cabe ningunha dúbida de que o é, pero tamén o é vivir con esta enfermidade e coa da miña muller tódolos días ou ter que loitar para que existan baños para persoas ostomizadas. Eu invisto en saúde, xa que, canto máis forte estou, mellor levo esta enfermidade”, salientou o deportista.

O vicepresidente e ASSEII confesa que a natación é a disciplina á que “máis medo” lle ten e, anecdoticamente, que, cando corre, nota “un baleiro”, posto que lle falta “o 50% do intestino”. Non obstante, Víctor Loira xa se enfrontou a retos durísimos con anterioridade, cubrindo en bicicleta en tres días os 750 quilómetros que separan Marín de Guadalaxara o ano pasado e 397 quilómetros do Everesting Challenge en tan só 12 horas.

A súa muller, Tita García, que padece esclerose lateral amiotrófica (ELA), completará con el un treito da terceira etapa do Ultra Tríatlon Terra Astur, unha proba que, como afirmou a socialista Yoya Blanco, “soamente de vela é para alucinar”.