Bo ritmo na execución da reforma de Loureiro Crespo que estará rematada en maio de 2021

27
  • A obra viuse afectada pola pandemia e retomouse o pasado mes de maio. O tramo entre o Hospital e Doce de Novembro poderá estar rematado nuns dous meses.

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores acompañado do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez e de técnicos municipais visitaron esta mañá as obras de reforma da rúa Loureiro Crespo, que “van a moi bo ritmo”. Fernández Lores explicou que as obras sufriron un retraso con motivo da pandeima e retomáronse, de novo, no mes de maio, polo que a previsión de remate é para maio do ano que vén.

A parte na que se está a traballar neste momento, entre as rúas Casimiro Gómez e Doce de novembro, poderá estar finalizada no prazo de dous meses. Segundo explicou o alcalde, esta é unha das zonas máis complicadas dado que hai que dar servizo ás urxencias do Hospital Provincial, o que obriga a cambios de sentido de circulación das rúas para garantir os accesos.

A reforma de Loureiro Crespo e do Castañal ten un orzamento de licitación de 2.557.256 euros. O proxecto inclúe a execución de seis melloras valoradas en 341.380 euros, polo que o investimento xeral roldará os 2,9 millóns de euros. As melloras son investimentos que poden presentar as empresas pero que están fóra do custe da obra, é dicir, son obras que asumen as propias compañías con fondos propios. Estas melloras consisten na reurbanización das rúas: Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e praza das Regas. 

O proxecto de reforma divide a rúa Loureiro Crespo en tres zonas: 

  • Dende a rotonda da praza da Zanfona até Casimiro Gómez, onde se propón un alongamento das beirarrúas (de baldosa e granito) e un estreitamento do carril. O estacionamento, tamén en formigón, colocarase á dereita, e os alcorques serán de granito para plantar prunos, dando continuidade á avenida de Lugo, xa reformada. Renóvase a iluminación, o mobiliario e todos os servizos.
     
    Á altura da rotonda de Doce de novembro instalarase unha columna de iluminación e plantaranse dous liquidámbar de grande porte para iniciar a transición cara un novo espazo, que será o segundo ámbito do proxecto.
  • De Casimiro Gómez a Antón Fraguas. Neste ámbito farase un carril de asfalto diferenciado que se dirixe cara Antón Fraguas. A beirarrúa da esquerda será de baldosa e bordo de granito. E a beirarrúa da dereita, lousa “vulcano”, a mesma que a da praza do Hospital. Instalarase á esquerda o estacionamento de taxis, e á dereita o de servizos.
     
    Tamén se inclúe a renovación de toda a iluminación, do mobiliario e dos servizos, e a vexetación continúa cos prunos que se plantarán en toda a rúa. Nos extremos deste ámbitos, Casimiro Gómez e Antón Fraguas crearanse dous grandes matos de arborado en pezas de formigón (con 3 e 2 bétulas, respectivamente) para marcar a transición á terceira parte do proxecto.
  • De Antón Fraguas á praza do Hospital. Consistirá no alongamento da praza do Hospital, coa instalación de dúas bandas laterais de lousa “vulcano” e unha parte central de formigón negro en plataforma única, xa que é necesario respectar a entrada ao Hospital provincial. Plantarase arborado ao igual que no resto da praza do hospital (Quercus) e tamén se instalará máis mobiliario urbano. 

No que respecta ao barrio do Castañal, o proxecto inclúe como mellora a pavimentación destas rúas, xa que a renovación dos servizos soterrados asúmese no proxecto principal.
As reformas previstas nestas rúas serán de dous tipos: Ernesto Caballero e Ramón Cabanillas manterán un carril de circulación e beirarrúas. Levarán plantación de árbores e mobiliario urbano. Os alcorques serán de ferro cortén, similar ao da Virxe do Camiño. O carril de circulación irá en formigón negro con faixas de pedra, similar á praza do Hospital.