Un hostel de Pontevedra convértese no primeiro establecemento hostaleiro de España en ofrecer un aseo adaptado para persoas ostomizadas

3800
  • O baño foi inaugurado hoxe no Hostel Acolá Rooms, rexentado por Camilo Garrido, nun acto que contou coa presenza da presidenta de ASSEII, Ángela Paz, e da edil de Turismo, Yoya Blanco
  • Blanco amosouse “moi orgullosa de que Pontevedra, que xa foi precursora na instalación destes aseos no Hospital Montecelo e o Pavillón dos Deportes, volva ser pioneira no turismo inclusivo”

O Hostel Acolá Rooms de Pontevedra, situado no número 22 da rúa Herreros e rexentado polo emprendedor Camilo Garrido Torres, vén de converterse no primeiro establecemento hostaleiro de España en dispoñer dun aseo adaptado para persoas ostomizadas. O novo baño foi inaugurado esta mañá nun acto que contou coa presenza da concelleira de Turismo, Yoya Blanco, e de membros da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASSEII), entre eles o deportista Víctor Loira.

A presidenta do colectivo, Ángela Paz, agradeceu a Garrido “a súa sensibilidade, compromiso social e empatía para facer un pouco máis visibles estas patoloxías aínda invisibles na nosa sociedade” e para dar un paso adiante na reivindicación de ASSEII de “poder realizar un turismo inclusivo en Galicia, desexando que se converta nun exemplo a seguir en todo o territorio español”. Tal e como apuntou, na nosa Comunidade hai 5.000 persoas ostomizadas, das que 2.000 están na área de Pontevedra e o seu contorno (en España son máis de 100.000) “e ao seren un colectivo con tan poucos afectados, é moito máis difícil lograr que se atendan este tipo de demandas tan necesarias”.

Ángela Paz lembrou que as persoas ostomizadas portan na súa tripa unha placa e unha bolsa que deben baleirar de cotío e que están obrigadas a coidar moito a pel nesta zona por mor das queimaduras que ocasionan as feces corrosivas e a urina, polo que “un baño a esta altura de 70 centímetros, cun espello diante, cunha billa de auga para poder desinfectar e cambia-la bolsa e unha percha para colgar a roupa supón unha verdadeira comodidade”. “Por primeira vez, podemos facer lecer inclusivo. Baleirar unha bolsa a 70 centímetros é como coller unha botella de lixivia a esa altura e soltala: queima todo, pel, chan, roupa… Isto obríganos a agacharnos nos baños públicos, poñernos de xeonllos, estar pendentes de que non marche a luz, sen espello e cunha bolsa do lixo para levar a bolsa, a placa e as gasas. Isto é o que sufrimos cada día”, explicou a presidenta de ASSEII.

A concelleira de Turismo felicitou a Camilo Garrido por dotar ao seu hostel, aberto ao público o pasado 10 de xullo, “dunhas instalacións que achegan calidade de vida ás persoas ostomizadas”, agardando que “sexa unha forma de concienciar ás administracións públicas e privadas das carencias que existen no colectivo”. Non obstante, Yoya Blanco amosouse “moi orgullosa de que Pontevedra, que xa foi precursora en instalar baños para persoas ostomizadas no Hospital Montecelo, estea a liderar esta corrente de concienciación en torno ás Enfermidades Inflamatorias Intestinais “e sexa tamén pioneira no turismo inclusivo”. “A Concellería de Deportes do Concello de Pontevedra -subliñou a edil socialista- foi ademais o primeiro en colocar un aseo adaptado no Pavillón Municipal dos Deportes, promovendo desta forma o lecer inclusivo e o deporte neste colectivo”.

Algúns clientes xa solicitaron especificamente o servizo

Camilo Garrido sinalou que a idea de dotar ao seu hostel deste baño para persoas ostomizadas xurdiu nunhas xornadas nas que participou ASSEII e nas que o colectivo demandaba “sensibilidade”. Unha mensaxe que calou no empresario pontevedrés e que o levou a incorporar neste novo proxecto (xa ten outros dous negocios hoteleiros na cidade) “un servizo que para eles é moi importante e que, aínda que custa un pouco máis que un aseo normal, na cifra que representa non está dende logo a conta de resultados do negocio”. 

A elevada demanda deste servizo ponse de manifesto no feito de que, en apenas mes e medio de apertura, o Hostel Acolá Rooms xa recibiu “unha petición específica desa habitación por parte dun cliente”.