A Concellería de Desenvolvemento Sostible inicia os traballos de poda e acondicionamento dos catro cedros do Himalaia dos Xardíns de Vincenti

8
  • O concelleiro Iván Puentes explica que os paneis informativos destas árbores, incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras da Xunta, “quedarán instalados ao longo da vindeira semana”

A firma do enxeñeiro técnico forestal Eduardo Penedo Padín vén de iniciar os traballos de acondicionamento e poda incluídos no proxecto de conservación e protección dos catro cedros do Himalaia senlleiros dos Xardíns de Vincenti, que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural contratou cun orzamento de case 10.000 euros e que conta cunha subvención de 4.000 euros da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta (ao formar parte do Catálogo de Árbores Senlleiras elaborado pola Consellería de Medio Ambiente para 2020). O edil responsable do departamento municipal, Iván Puentes, agarda que, unha vez que se rematen estas actuacións e a renovación dos sistemas de suxeición das árbores, procederase a colocar os paneis informativos, que “agardamos que poidan quedar xa instalados ao longo da vindeira semana”.

Non obstante, tal e como aclara Puentes, a intervención “debe estar totalmente finalizada antes do día 30 de setembro, xa que esta é precisamente unha das condicións para poder acceder ás axudas autonómicas”. Os traballos que se puxeron en marcha, destinados á conservación do bo estado fisiolóxico dos exemplares (que resultaran moi danados nas súas copas polos temporais de vento e choiva de 2010 e 2017, en especial no que se refire ás árbores máis próximas á unión entre a rúa Arquitecto de la Sota e o Paseo de Cervantes), contemplan unha limpeza de pólas mortas e unha poda dunha intensidade moderada, coa que se tenta conservar a vitalidade destes cedros de gran porte e garantir a seguridade no seu perímetro.

“Os restos da poda están a ser recollidos cun camión -aclara o concelleiro  de Desenvolvemento Sostible- e serán triturados progresivamente para o seu emprego como estruturante para a compostaxe ou como ‘acolchado’ noutras zonas verdes”.

Sinalizacións individuais coas características e dimensións

Ademais da poda e a revisión das ancoraxes, o proxecto de conservación contempla unha limpeza en seco e a instalación de paneis informativos: unha sinalización individual para cada exemplar e unha destinada ao conxunto da formación (coas súas características e dimensións). As tres árbores situadas ao sur do Parque das Palmeiras xa están aseguradas mediante sistemas axeitados de ancoraxe, con cordas de polipropileno trenzado con amortecedores, mentres que a máis próxima ao estanque dos patos dispón dunha fixación con cabos de aceiro. 

O proxecto plantexa a substitución e corrección dos sistemas de suxeición, eliminando aqueles puntos onde poida existir unha excesiva tensión sobre as ramas, así como abrasións. Asemade, substituiranse aqueles cabos deteriorados ou excesivamente tensos.