- O plan de recollida de residuos no colector marrón inscribiu nas últimas semanas a 300 novos domicilios, situándose en 786 domicilios particulares e 206 produtores singulares.
- A campaña de sensibilización porta a porta revela o gran interese e compromiso dos veciños e veciñas por participar no programa experimental.
O programa Composta no colector volveu ás vivendas dos pontevedreses cunha grande pegada nas dúas últimas semanas, despois do parón estival. A campaña de sensibilización e información que está a realizar a empresa concesionaria do servizo, Cespa, domicilio a domicilio, está tendo unha ampla aceptación por parte dos residentes e incorporou nas dúas últimas semanas a 300 domicilios máis. Xunto aos establecementos comerciais adheridos ao programa, neste momento xa son case 1.000 os participantes no programa que se puxo en marcha hai escasos 2 meses.
Segundo a última actualización de datos do programa, neste momento están inscritos 206 grandes e mediados produtores (restaurantes, tendas de alimentación, froiterías, floristarías, o Mercado de Abastos, hoteis, pensións, bares de tapas…) e 786 particulares, que se corresponden a unha poboación aproximada de 2.300 persoas, segundo as estimacións de Composta.
A Concellaría de Xestión dos residuos, que dirixe Raimundo González, destaca o impulso que tivo o programa nestas dúas últimas semanas, unha vez que boa parte dos veciños e veciñas se van incorporando á vida diaria logo do parón vacacional. Tamén o elevado grao de aceptación e interese que esperta o programa nos pontevedreses, xa que ademais da campaña de sensibilización porta a porta, son moitas as peticións que se reciben, por distintas vías, demandando información do proxecto e solicitando a súa participación. A Concellaría tamén se amosa moi satisfeita polo resultado final que está a obter cunha recollida de compost que pasou dos 400 quilos aos 1.500 en poucas semanas e que ofrece un compost de gran calidade con moi poucos impropios.
A campaña de sensibilización
A campaña de visitas ás vivendas inclúe a entrega dun folleto informativo que explica en que consiste este novo sistema de recollida de biorresiduos, onde hai que anotarse e que tipo de residuos se poden compostar e cales non, tamén se lle entregan de balde aos usuarios bolsas biodegradables, un cubo de 7 litros e a chave electrónica para abrir o colector.
O plan Composta no colector é un sistema experimental de recollida de residuos orgánicos en vivendas e produtores singulares da cidade a través de colectores marróns instalados na rúa, que deben adherirse previamente para dispoñer da chave electrónica que lles permite facer uso do colector.
É a terceira vía do programa de compostaxe voluntario e de balde, que recolle biorresiduos por unha parte da cidade na que non existe opción de tratamento individual nin compostaxe colectiva, seguindo a ruta de recollida establecida e na que se colocaron un total de 65 colectores marróns.
Máis información en compostaxe.pontevedra.gal