Máis de 30 asociacións socio sanitarias participarán entre os días 25 e 27 de setembro na I Feira da Saúde e o Benestar de Pontevedra ‘PonteSan’

622
  • O evento, organizado pola Concellería de Actividade Física e Saúde en colaboración coa Deputación, contará con expositores, talleres, conferencias, probas médicas e obradoiros deportivos
  • Tino Fernández destacou o “esencial papel dos colectivos sanitarios no noso modelo de cidade” e Carlos López Font asegurou que “non podería haber un momento mellor para celebrar esta feira”

Máis de 30 asociacións socio sanitarias de Pontevedra e Galicia confirmaron a súa asistencia á I Feira da Saúde e o Benestar ‘PonteSan’, que se celebrará os vindeiros días 25, 26 e 27 de setembro na Praza de España e a Alameda de Montero Ríos. O evento, organizado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde en colaboración coa Deputación, nace co obxectivo de converterse en punto de encontro para toda a cidadanía interesada na súa saúde, o benestar persoal e o estilo de vida saudable, así como para os diferentes profesionais do sector, e contará con área de expositores, conferencias, obradoiros, probas e valoracións médicas e actividades deportivas.

A Feira da Saúde, que foi presentada esta mañá nunha comparecencia protagonizada polo tenente de alcalde e concelleiro de Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, e mailo deputado provincial Carlos López Font, será de acceso gratuíto, cumprindo coas estritas normas de prevención contra a Covid-19 establecidas nos protocolos da Xunta. Así, ademais da obrigatoriedade da mascarilla, o control de temperatura nos accesos e a instalación de dispensadores de xel hidroalcohólico, estableceranse un aforo máximo dunhas 150 persoas e dous puntos únicos de acceso e saída á carpa de expositores que se instalará na Praza de España, disporase dun equipo que controlará o mantemento das distancias de seguridade e evitará as aglomeracións e deixarase aberto lateralmente ao aire libre o recinto.

En opinión de Carlos López Font, “era difícil atopar un mellor momento para celebrar esta feira”, á que “convidamos a vir a tódolos pontevedreses e xente da provincia”, xa que “ese nome de PonteSan é practicamente un consello ou unha obriga”. Tal e como sinalou, a Deputación está comprometida “co fomento dos hábitos de vida saudables”, volcándose co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas, polo que este evento, froito dun convenio de colaboración co Concello, supón un paso máis nesta dirección e “unha aposta pola saúde e o benestar”. “Hoxe mudaron tanto os hábitos sociais que, cando vemos aos amigos e aos familiares -afirmou- o primeiro polo que preguntamos é pola saúde e, cando nos respostan que ben, temos un certo alivio de que aqueles que nos importan estean ben”.

Dado que a feira coincide co inicio da campaña de vacina contra a gripe, López Font aproveitou a ocasión para facer un chamamento “a todas aqueles cidadáns incluídos en grupos de risco para que se conciencien da importancia de vacinarse, en previsión de que poida producirse esa temida conxestión hospitalaria”.

Un escaparate do esencial labor que desempeñan as asociacións

Segundo subliñou Tino Fernández, PonteSan “parte da inquedanza de múltiples asociacións socio sanitarias por buscar un evento que as permita visibilizarse e dar a coñecer á cidadanía pontevedresa o esencial labor que desempeñan”. Para o tenente de alcalde, trátase “máis que dunha feira, dunha mostra do traballo destes colectivos que colaboran coas administracións públicas para facilitar a vida de moitas persoas”. “Antes de que acontecese todo isto, xa tiñamos pensado organizala para o mes de maio, pero agora cobra se cabe aínda máis forza a súa celebración”, asegurou o edil de Actividade Física e Saúde.

O concelleiro socialista fixo especial fincapé no importante papel que os colectivos do ámbito sanitario xogan en Pontevedra, conformando un potente tecido asociativo que “sen dúbida tamén merece un lugar dentro do noso modelo de cidade”.

Os obradoiros e demostracións da Feira da Saúde e o Benestar estarán centrados en temáticas como a reciclaxe de medicamentos, a promoción da bicicleta, a alimentación saudable, o coidado da pel ou a aromaterapia e as plantas medicinais. Os que se acheguen a PonteSan tamén poderán desfrutar de charlas sobre prevención do alzhéimer, doazóns, a nova normalidade e a convivencia coa Covid-19, rutas saudables en Galicia ou como combater as ludopatías, así como facerse medicións do colesterol, probas de tensión arterial, análises de azúcar e controis de peso, e participar en actividades físicas que abranguerán dende aulas de ioga, pilates, baile, tai chi, defensa persoal e hipopresivos até ximnasia de mantemento, talleres de movemento e obradoiros de memoria (así como ludotecas).

Na carpa de expositores atoparanse asociacións sen ánimo de lucro do ámbito sanitario, colexios profesionais do sector e institucións gobernamentais. Entre os colectivos que xa confirmaron asistencia están ACEGA (Celíacos de Galicia), ADICAM (Diagnosticad@s de Cancro de Mama), ADAHPO (Déficit de Atención e Hiperactividade), AECC (Asociación Española Contra o Cancro), AFAPO (Enfermos de Alzhéimer e outras demencias), ALCER (Loita Contra as Enfemidades do Ril), Proxecto Home, ANEDIA (Asociación de Nenos, Nenas e Xente Nova con Diabetes), Amizade (de Persoas con Discapacidade da Comarca de Pontevedra), APROPARK (Asociación de Párkinson de Pontevedra), APXP (Persoas Xordas), ASAMPO (doazón de sangue, órganos e tecidos), ASEARPO (Enfermos de Artrite), ASEM Galicia (Enfermidades Neuromusculares), ASSEII (Asociación de Enfermidades Inflamatorias Intestinais), COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), Juan XXIII, XOGA (diversidade sensorial), Down Xuntos (síndrome de Down), Cruz Vermella e a ONCE. 

No que atinxe ás asociacións profesionais, están convidadas a de Formación Odontolóxica (AGFO), a Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV), o Colexio Oficial de Dietistas-nutricionistas de Galicia, o Colexio de Fisioterapeutas, a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, o Colexio Profesional de Logopedas, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e o Colexio de Ópticos e Optometristas. Asemade, Concello e Deputación agardan implicar na iniciativa a outras institucións gobernamentais autonómicas e estatais como o Sergas e o Ministerio de Sanidade.

Tino Fernández animou a todas aquelas asociacións interesadas en dispoñer dun expositor ou en participar no evento de calquera outro xeito a poñerse en contacto coa Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, “xa que serán benvidas”.

A I Feira da Saúde e o Benestar será inaugurada o venres 25 de setembro ás 12:00 horas, permanecendo aberta até as 14:00 horas e entre 16.30 e 20:00 horas. O horario do sábado será de 10:30 a 14:00 horas, pola mañá, e de 16:30 a 20:00 horas, pola tarde, mentres que o domingo só abrirá de mañá, de 10:30 a 14:00 horas.