San Amaro disporá de 312 novos columbarios do proxecto Voltar á terra

22
  • A primeira fase ten un custe de 474.000 euros e permitirá construír columbarios en terra e tamén en columnas. Terá que estar rematado no prazo de 4 meses.
  • Nesta primeira fase tamén haberá unha sala para celebrar cerimonias laicas ou de distintos credos.

O Concello de Pontevedra aprobou esta mañá o inicio do expediente de contratación da ampliación do cemiterio de San Amaro para a creación de columbarios. Trátase da primeira fase de execución do proxecto “Voltar á terra” que pretende atender unha demanda cada vez máis a alza, tal e como sinalou a concelleira Carme da Silva. 

O número de nichos é suficiente, pero cada vez existe máis demanda de columbarios polo incremento de incineracións, e o cemiterio de San Amaro vese na necesidade de ampliar esta oferta xa que a actual non é suficiente.

Esta contratación ten un orzamento de 474.656,54 euros e un prazo de execución de 4 meses, dende o inicio dos traballos.

Neste proxecto vanse construír 312 columbarios de distinto tipo:

  • 88 de chan
  • 13 columnas de 4 columbarios
  • 20 columnas de 5 columbarios
  • 12 columnas de 6 columbarios

Voltar á terra

Voltar á terra é un proxecto máis amplo que se irá desenvolvendo en fases. Na primeira están previsto tres tipo de infraestruturas distintas.

  • Unha sala para celebrar cerimonias funerais destinada a distintos credos e mesmo a cerimonias laicas, o que convertirá San Amaro nun dos primeiros cemiterios en contar cunha sala destas características. 
  • A construción de 312 columbarios, distribuídos en estruturas verticais que confoman columnas e tamén no chan. 
  • A instalación de dúas obras artísticas: un conxunto escultórico da autoría do escultor e ceramista Daniel Caxigueiro e un mural da autoría da artista plástica Amelia Palacios.

A intervención da primeira fase afectará aproximadamente a 2.500 metros cadrados dos 6.000 dos que dispón a parcela, quedando a superficie restante xa acondicionada con pradeira e preparada para acometer unha fase posterior.