Os clubs deportivos poderán solicitar a partir de mañá as subvencións anuais da tempada 2018-2019

87
  • O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, explica que, como principal novidade, as solicitudes terán que realizarse a través da nova plataforma do Concello, no enlace Subvención Anual 2019 

O Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) publica hoxe o estrato da convocatoria das subvencións anuais para o fomento da práctica deportiva e a participación en competicións oficiais relativa á tempada 2019. O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, explicou que “este ano, como principal novidade, a solicitude terase que realizar a través da nova app do Concello, aloxada no seguinte enlace Subvención Anual 2019”.

Segundo indica, “unha vez elaborada a solicitude de subvención en base ás indicacións da plataforma, os equipos deberán remitir a documentación xerada a través do procedemento 204A da sede electrónica do Concello de Pontevedra (https://www.pontevedra.gal/). “O prazo de presentación estará aberto dende as 00:00 horas de mañá (esta noite) até o vindeiro 23 de setembro ás 23:59 horas”, indicou o edil socialista.

O procedemento para a concesión das subvencións de 2019 sae adiante despois de que a Xunta de Goberno Local procedese a pasada semana á aprobación do seu expediente cunha achega de 300.000 euros. Tino Fernández xa avanzou que o seu obxectivo é que as axudas poidan estar nas contas bancarias dos clubs deportivos entre finais de novembro e principios de decembro, “sempre e cando os equipos axilicen ao máximo a presentación da correspondente documentación”.