Mabel Lozano regresa á nosa cidade para presentar ‘Biografía del cadáver de una mujer’ coincidindo co Día contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres

64
  • A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, lembra que a curta só foi visionada en festivais nacionais e internacionais, polo que o pase que terá lugar no Teatro Principal “vai ser a estrea a nivel estatal”
  • O cinefórum do 23 de setembro incluirá un coloquio no que participarán, ademais da propia autora, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e a deputada provincial Vicky Alonso

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos, a Concellería de Igualdade celebrará o vindeiro 23 de setembro un cinefórum que busca visibilizar e denunciar a realidade deste escuro negocio e que volverá protagonizar Mabel Lozano. A escritora, directora de cine e actriz, que xa estivo na sede de Afundación en Pontevedra en 2019 nesas mesmas datas para presentar o seu documental ‘El proxeneta. Paso corto, mala leche’ e participar nun coloquio, regresará nesta ocasión para protagonizar un cinefórum no que será presentado a súa nova curta documental ‘Biografía del cadáver de una mujer’, que até o momento só foi visionada en festivais nacionais e internacionais e que vén de gañar o Premio do Público no Skyline Benidorm Film Festival.

Segundo salientou esta mañá a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, durante o acto de presentación da iniciativa, “isto significa que o pase que terá lugar o mércores 23 no Teatro Principal ás 20:00 horas vai ser a estrea da súa curta a nivel estatal”. Tal e como apuntou a edil socialista, que estivo acompañada na súa comparecencia pola directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos, e pola axente de Igualdade Mercedes Renda, “máis aló da honra de volver contar con Mabel Lozano e coa súa obra en Pontevedra, a importancia deste cinefórum, que incluirá un coloquio coa autora, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e a deputada provincial de Igualdade, Vicky Alonso, radica no obxectivo de concienciar e denunciar o inferno que sofren as mulleres en todo o mundo e que supón a forma de violencia de xénero máis extrema”.

Coa conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual, instaurado en 1999 pola Conferencia Mundial da Coalición Contra o Tráfico de Persoas en coordinación coa Conferencia de Mulleres que tivo lugar en Dhaka (Bangladesh), denúnciase que a trata de persoas constitúe o negocio transnacional máis lucrativo despois do tráfico de drogas e de armas, no que mulleres, nenas e nenos son utilizados como mercancías para o consumo, a través das redes de trata que as someten a réxime de escravitude sexual.

O cinefórum será emitido en streaming por mor da Covid-19

Ante a necesidade de cumprir cos estritos protocolos hixiénico-sanitarios derivados da crise da Covid-19, o aforo estará moi limitado (en principio, á espera de que se poidan implementar novas medidas a vindeira semana, sería dunhas 70 persoas) e controlarase o acceso mediante códigos QR, polo que a Concellería de Igualdade ten previsto emitir o cinefórum en streaming a través das plataformas online do Concello. Para poder asistir de xeito presencial ao Teatro Principal será precisa a inscrición previa a través do correo electrónico igualdade@pontevedra.eu ou do número de teléfono do CIM: 986 86 48 25.

En opinión de Yoya Blanco, “non podemos perder de vista que a defensa dos dereitos humanos é incompatible coa trata de persoas, que ao mesmo tempo alimenta o mercado da prostitución de mulleres, nenas e nenos en todo o mundo”. “É unha lacra global -asegurou a socialista- que terá que ser afrontada por gobernos e lexisladores conxunta e transversalmente para conseguir a súa erradicación e abolición. Como tampouco podemos esquecer que a trata de persoas con fins de explotación sexual é un fenómeno transnacional. É crime organizado. É mafia”.

Para a concelleira de Igualdade, “institucións e cidadanía teñen que posicionarse claramente contra a explotación e exixir aos gobernos medidas máis contundentes para perseguir aos criminais e dar protección e axuda ás vítimas”.

Mabel Lozano leva dende 2007 centrada no ámbito do cine social e de dereitos humanos, moi especialmente na loita contra a trata e a explotación sexual. A escritora e directora de cine publicou en El País unha serie de artigos sobre as vítimas mortais do sistema prostitucional. Nun deles comeza dicindo (Enlace ao artigo 1):


“Desde el año 2000, en nuestro país al menos 44 mujeres en situación de prostitución han sido brutalmente asesinadas, descuartizadas, torturadas, apaleadas, quemadas vivas, mutiladas, tiroteadas, troceadas. Mujeres sin biografía, cadáveres arrojados al vacío, al basurero, al descampado, al olvido que vendrá. De ellas, 32 fueron asesinadas por compradores de sexo de pago; ocho por sus amos proxenetas; tres por los propietarios de las cárceles burdeles. Además de dos mujeres en prostitución que recientemente se han suicidado, una mujer que sigue en paradero desconocido, y un asesinato todavía sin resolver”.

Enlace ao tráiler da curta documental: